O vindeiro mércores 29 de outubro, a Universidade de Vigo investirá como doutora honoris causa á astrofísica viguesa Begoña Vila, enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA. Ela converterase na 31ª persoa en recibir a máxima distinción académica da UVigo. O acto solemne terá lugar no edificio Politécnico do campus de Ourense, ás 12.00 h.
O seu nomeamento foi aprobado por unanimidade no Consello de Goberno da Universidade o pasado mes de xuño. A proposta partiu do Departamento de Física, encabezada por Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo do campus de Ourense. Esta distinción, comenta o equipo promotor, quere contribuír a recoñecer unha “traxectoria científica e tecnolóxica exemplar” e, seguindo a estela de transferencia científica á sociedade desenvolvida por Begoña Vila, contribuír tamén a “dar visibilidade, ante os ollos das nenas e nenos, ás mulleres científicas referentes en espazos científicos tradicionalmente masculinizados”.
Recoñecemento á súa traxectoria
Despois de licenciarse en Física pola Universidade de Santiago de Compostela, coa especialidade de Astrofísica pola Universidad de La Laguna, Begoña Vila (Vigo, 1963) acadou o doutoramento en Astrofísica na Universidade de Manchester (Reino Unido). A súa investigación centrouse na análise de curvas de rotación de galaxias espirais, actividade galáctica nuclear e abundancias estelares con observacións en lonxitudes de onda ópticas e de radio. Completou a súa carreira posdoutoral no Departamento de Física da Universidad de Cardiff e pouco despois marchou a Canadá, deixando o ámbito académico para traballar en distintas empresas aeroespaciais implicada en proxectos de satélites de rescate e outras misións de satélites.
En 2006 incorporouse ao proxecto do Telescopio Espacial James Webb da NASA, contratada pola Axencia Espacial Canadense e en 2013 pasou a ser contratada directamente pola NASA, converténdose en enxeñeira principal de Sistemas no Centro Espacial Goddard, encargada de dous dos instrumentos do citado telescopio. Foi ademais a directora encargada da proba crioxénica final de todos os instrumentos do telescopio en Goddard. Actualmente está traballando tamén no Telescopio Espacial Nancy Grace Roman, un futuro observatorio espacial infravermello considerado polo Comité Decadal Survey do Consello Nacional de Investigación dos Estados Unidos como a máxima prioridade para a próxima década da astronomía. No proxecto está a coordinar a proba crioxénica do observatorio e apoiando o desenvolvemento das operacións de guía. Alén do seu traballo científico e tecnolóxico, Begoña Vila conta cunha dilatada participación en eventos de comunicación e divulgación ao público.
Begoña Vila leva recibido múltiples recoñecementos pola súa carreira, incluíndo a Medalla da NASA para o Logro Público Excepcional en 2016, o Premio Wonenburger da Xunta de Galicia en 2017 e o Premio Galego do Ano en 2019. Foi seleccionada no Top10 Mujeres Líderes Españolas no Exterior por Mujeres&Cia en 2021, na Lista de Forbes das 100 Mujeres más Influyentes en España en 2022 e 2023, Embaixadora Honorífica Marca España en Ciencia e Innovación en 2022 e Medalla da NASA para o Servizo Público Excepcional en 2022. Tamén foi galardoada na categoría de Ciencia e Saúde polo seu labor en misións clave como a do Telescopio James Webb na VII edición dos Premios Influyente 2024.