As probas da oferta pública de emprego docente 2020 aprázanse ao vindeiro ano 2021 coa blindaxe das prazas ofertadas para os actuais opositores. Así o anunciou a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, na súa comparecencia ante a Deputación Permanente do Parlamento de Galicia para informar das medidas adoptadas polo seu departamento ante a situación motivada pola pandemia do COVID19.
“Mantivemos a celebración das probas mentres era posible cumprir os prazos precisos para o procedemento administrativo e coa confianza en recibir por parte do Goberno central informacións que achegasen certezas”, sinalou Carmen Pomar. “A realidade é que a día de hoxe seguimos sen ter datos epidemiolóxicos por territorios que nos ofrezan unha perspectiva clara de como vai ser a volta á nova normalidade e das actividades que se poderán desenvolver e en que condicións”, engadiu, o que leva á Consellería a tomar a decisión de adiar as probas ao vindeiro ano.
Segundo informou a conselleira, este aprazamento leva consigo a blindaxe das prazas ofertadas, xa que en canto se levante a suspensión dos prazos administrativos derivada do estado de alarma, se activará a inscrición nas probas de xeito que os actuais aspirantes sexan os que opten ás prazas ofertadas na presente convocatoria. “Blindamos desta maneira a celebración da OPE docente de Galicia do ano 2020 ante eventuais cambios de criterio dun Goberno central condicionado por unha situación económica adversa e que xa está a anunciar posibles recortes”, incidiu.
Con esta decisión, a conselleira nega un cambio de posición, xa que o seu departamento afirmou sempre que, por prudencia e respecto ao esforzo das miles de persoas opositoras, se manterían as probas mentres houbese prazo para desenvolver o procedemento administrativo, que se esgota coa confirmación hoxe dunha nova prórroga do estado de alarma despois do 26 de abril.