A Xunta multa a Vigo pola calidade da auga e Caballero asegura que “foi sempre potable”

Publicidad

A Xunta vén de confirmar a sanción de 21.520,26 euros ao Concello de Vigo como responsable do servizo de abastecemento de auga de consumo humano, polas “reiteradas deficiencias nos controis realizados polo laboratorio municipal na billa do consumidor e incumprimentos na calidade da auga que non foron comunicados á autoridade sanitaria”.

A resolución determina como probadas e axustadas a dereito as catro infraccións administrativas anunciadas o pasado mes de xaneiro e rexeita as alegacións municipais.  Segundo consta no expediente, as inspeccións de Saúde Pública levadas a cabo poñen de manifesto, sempre segundo o goberno autonómico, o “incumprimento reiterado en Vigo da normativa que establece os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo”, sen que o Concello de Vigo aplicase as consecuentes medidas correctoras para emendar as non conformidades detectadas no marco do programa galego de vixilancia sanitaria, tal e como se lle requiriu en non poucas ocasións.



En consecuencia, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Pontevedra ratifica a sanción en 21.520,26 euros por catro infraccións administrativas, tres delas tipificadas de carácter grave e outra de carácter leve. Isto é, 6.010,13 pola ausencia de certificación ou acreditación do Laboratorio Municipal, outros 6.010,13 pola falta de determinación de metais nas analíticas de control e 8.000 pola ausencia de notificación á autoridade sanitaria dos supostos constatados de auga non apta para o consumo. En canto a infracción leve, mantén a cantidade de 1.500 euros por non subministrar os datos ao Sinac.

Así o informou hoxe o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, quen recordou que nas análises realizadas polo laboratorio municipal na billa do consumidor en 2016 e 2017 se detectan ata 24 analíticas que cualifican a auga como non apta e outras 31 baixo a clasificación de apta con non conformidade. En canto a 2015, non se realizaron a totalidade das análises na billa do consumidor.

O Concello contará cun prazo de 15 días, contados a partir do seguinte a aquel no que teña lugar a notificación, para presentar recurso de alzada.

Auga de “calidade óptima”

Pola súa parte, o rexedor vigués afirmou esta mañá que a auga da cidade foi “potable en cada segundo, de cada minuto, de cada hora, de cada día, de cada semana, de cada mes dos últimos dez anos”.

Abel Cabellero asegurou que “a pretensión da Xunta fracasou estrepitosamente, aínda que Feijóo intentouno paseándose por todas as televisión de España asegurando que a auga de Vigo non era potable”.  O rexedor defendeu que “a auga da cidade é dunha calidade óptima”.

 

 

Salir de la versión móvil