A Xunta de Galicia organiza para o vindeiro luns 21 de marzo un encontro informativo na sede do Executivo autonómico en Vigo (rúa Concepción Arenal, 8, planta baixa) no que invita a cidadáns e concellos da urbe galega e da súa área metropolitana a coñecer de primeira man os distintos programas de axudas en materia de vivenda que ofrece o Goberno galego.
O acto, que terá lugar ás 10:30 horas, forma parte do ciclo “Construíndo Fogar”, as sesións informativas que contan coa presenza de persoal técnico do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), que permitirán coñecer aos asistentes todos os detalles sobre máis dunha trintena de liñas distintas de incentivos, así como resolver as dúbidas das persoas ou entidades participantes.
Entre as posibilidades que ofrece o programa de axuntes en vivenda, os técnicos do IGVS abordarán cos asistentes ao encontro a rehabilitación do parque de vivendas de Galicia. A maioría das axudas están dirixidas a particulares, aínda que algunhas son exclusivamente para os concellos. Un dos aspectos destacados da sesión “Construíndo fogar” será coñecer as distintas liñas de subvencións para facilitar o acceso a unha vivenda en réxime de compra ou alugueiro.
O encontro “Construíndo fogar” que terá lugar o luns 21 en Vigo é a segunda sesión que se celebra na provincia de Pontevedra e o cuarto que acolle a comunidade autónoma. Esta cita está aberta ao público xeral e a representantes dos concellos de Baiona, Nigrán, Gondomar, Cangas, Moaña, O Porriño, Mos, Redondela, Pazos de Borbén, Fornelos de Montes, Soutomaior, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño e Vigo.
Na sesión do luns 21 en Vigo tamén se presentarán aqueles programas que benefician dun modo específico aos concellos da zona, como é o caso das axudas que se conceden para a rehabilitación supramunicipal dos Camiños de Santiago, un programa que neste caso beneficiaría a Baiona, Mos, O Porriño, Nigrán, Redondela e Vigo xa que por estas localidades pasa o Camiño Portugués, incluído a súa variante pola Costa.
Outra posibilidade que ofrecen as axudas da Xunta en materia de vivenda pode beneficiar aos catro núcleos históricos da comarca viguesa situados en Baiona, Cangas e Vigo (Bouzas e zona centro), que terán a súa disposición optar en exclusiva para a liña de incentivos que existe para este ámbito.
A principal finalidade destes encontros informativos, que no caso de Vigo acollerá a sede da Xunta en Concepción Arenal, é informar dos requisitos que os beneficiarios de cada axuda deben cumprir, os trámites que deben realizar ante a Xunta para acceder aos incentivos dispoñibles ao abeiro da convocatoria de 2022, tanto dos programas que xa están abertos como aqueles pendentes de publicar.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sinala que estes encontros informativos “son necesarios e fundamentais” para dar a coñecer a existencia das subvencións dispoñibles e incentivar aos posibles beneficiarios a presentar unha solicitude ofrecendo unha información directa, práctica e útil. E, sobre todo, para brindar o acceso aos recursos público á sociedade galega.
Nova Oficina de rehabilitación
O encontro que vai ter lugar en Vigo o luns 21 de marzo tamén permitirá presentar a nova Oficina de rehabilitación de vivenda, posta en marcha pola Xunta e que busca ser o novo punto informativo para asesorar e dar a coñecer entre os seus potenciais beneficiarios os novos programas de axudas con fondos europeos en materia de vivenda.
Esta nova oficina xa está operativa. Está aberta ao público de luns a venres polas mañás en horario de 9:00 a 14:00 horas. As persoas interesadas teñen a opción de facer as consultar vía telefónica, a través do número 881 045 897, o mesmo ao que hai que chamar para pedir cita previa en caso de preferir atención presencial en Santiago de Compostela