A conselleira de Política Social en funcións, Fabiola García, anunciou esta mañá a publicación das listaxes provisionais de admitidos nas 174 escolas infantís da Xunta para o vindeiro curso académico 2022-23. Foron admitidas o 86% das solicitudes para este curso, que será o primeiro no que se aplicará a gratuidade universal para todas as familias galegas.
A conselleira en funcións lembrou que este ano as familias puideron elixir a escola infantil que máis se adaptase ás súas preferencias sen atender á súa titularidade. A razón, explicou, é que o vindeiro curso 2022-23 —que comezará o 5 de setembro— será o primeiro no que a atención educativa en todas as escolas infantís será 100% gratuíta para todos os nenos de Galicia tanto nas públicas, como nas privadas ou nas de iniciativa social.
Fabiola García sinalou que a nosa Comunidade converterase en pioneira a nivel nacional en facer gratuíta esta etapa educativa, ao igual que o foi este mesmo curso ao aplicar a gratuidade para segundos fillos e sucesivos. Deste xeito, apuntou este ano terá un carácter histórico e será máis doado para os petos das familias galegas.
Cinco días para alegacións
As listas provisionais de admitidos nas escolas infantís públicas autonómicas pódense consultar xa na páxina web da Consellería de Política Social (clic aquí). A partir de agora, ábrese un prazo de cinco días para presentar alegacións. As listas definitivas faranse públicas o día 31 deste mesmo mes e, a partir dese momento, habilitaranse dez días —do 1 ao 10 de xuño— para formalizar a matrícula.