A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de amosar a súa satisfacción polo compromiso de Abanca de reabrir as portas da oficina de Cesantes, logo da reunión mantida na Casa do Concello con Victor Manuel Vázquez Saavedra, director de zona Morrazo-Redondela e Juan Walter Álvarez Álvarez, director territorial de Vigo.
No decurso da reunión a alcaldesa deulles conta da importancia que ten a antedita sucursal de Cesantes tanto para a veciñanza da zona, como para a actividade económica relacionada co mundo da mar, “argumentos que foron perfectamente entendidos polos representantes da entidade financeira” e que foron determinantes á hora de decicir que, “ao longo da primeira quincena de agosto a oficina reabra as súas portas”, apuntou Digna Rivas.
O peche da oficina de Cesantes, que conta cun considerable movemento debido ao seu uso por parte das xentes da mar e da actividade portuaria, viña sendo motivo de malestar e mobilizacións da veciñanza. Digna Rivas agradeceu a “receptividade de Abanca ás peticións formuladas polo Concello que non son outra cousa que as esixidas polas veciñas e veciños”
Ao longo da xuntanza de traballo, a alcaldesa solicitou que por parte de Abanca, se revisase a política de cobro de comisións que está a desenvolver a entidade “e que afectan aos sectores máis vulnerables da sociedade”.
Digna Rivas subliñou que a xestión realizada “responde á obriga do Concello, como administración máis próxima á cidadanía, de poñer voz a calquera problema que afecte aos veciños e veciñas” e cuxa resolución, sinalou, “é para nós prioritaria”.