A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de convocar as axudas dirixidas aos estudantes que continúan estudos en 2º e posteriores cursos de titulacións de grao no Sistema Universitario de Galicia (SUG) para que no curso académico 2017/18 poidan ter matrícula de balde. As solicitudes deberán presentarse por vía electrónica no prazo dun mes a partires de mañá. A convocatoria pode consultarse no Diario Oficial de Galicia, nesta web.
Estas bolsas van dirixidas ao alumnado de segundo e posteriores cursos pertencente á rama de coñecemento de Ensinanzas Técnicas (enxeñaría ou arquitectura), que ten superado un número de créditos igual ou superior ao 60% e menos do 65% e o pertencente ás ramas de Artes e Humanidades ou de Ciencias Sociais e Xurídicas, que ten superado un número de créditos igual ou superior ao 80% e menos do 90%, que quedou fora das bolsas de carácter xeral do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ao cambiaren os requisitos académicos no curso 2012/13. Deste xeito o departamento educativo da Xunta reforza o seu apoio aos universitarios galegos e garante a igualdade de oportunidades no acceso aos estudos superiores.
Para tal fin a Consellería habilita un orzamento global de 200.000 euros, e a dotación máxima asinada a cada beneficiario oscila entre un máximo de 853,8 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Enxeñaría e arquitectura e grao en Belas Artes, e un máximo de 591 euros para as titulacións encadradas dentro da rama de Artes e Humanidades e Ciencias Sociais e Xurídicas.
Desde que se puxeron en marcha, no curso 2012/13, a Consellería concedeu 837 destas bolsas nos últimos cinco cursos académicos. Cómpre salientar que desde o departamento de Educación atendeuse o cen por cen das solicitudes que cumprían cos requisitos establecidos nestas ordes anuais.