Acusan a Abel Caballero de converter o tráfico de Vigo nun “vía crucis” por falla de planificación

Vigo, de novo colapsada polo Nadal // EUROPA PRESS

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego acusa ao alcalde, Abel Caballero, de converter o tráfico de Vigo nun “vía crucis” pola falla de planificación da mobilidade, causando un “perigosísimo caos” con retencións “insoportábeis” que colapsan a cidade. A fronte nacionalista insiste na urxencia de poñer solucións a esta situación “insostíbel”, tal como advertiu o propio Bloque o pasado 22 de novembro cando demandou rectificar o plan de tráfico para evitar “unha desgraza”.

“Esta situación non é resultado da falla de previsión, xa que se algo preveu e promoveu deliberadamente o Goberno municipal foi, precisamente, ateigar a cidade con millares de visitantes”, criticou o concelleiro e candidato do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, que asegurou que “o que non fixo foi planificar nin a ordenación do tráfico nin tampouco o dispositivo de seguridade”. Igrexas alertou de que este colapso non supón só un “claro prexuízo” para a veciñanza, senón que ademais supón un “grave risco en materia de seguridade”, con escenas de ambulancias, dotacións de policía ou vehículos de emerxencia que non son quen de avanzar en medio de retencións quilométricas.

O concelleiro do BNG reprochou a Caballero que siga “facendo prevalecer a súa necesidade patolóxica de grandes masas de xente sobre o benestar e a seguridade das viguesas e os vigueses”, e sinalou como responsábel ao “deseño caprichoso do nadal, centralizado nun espazo reducido no centro da cidade e a falla de medidas para facilitar a mobilidade”.

Desde a fronte nacionalista reiteraron a demanda de medidas concretas como a instalación de aparcamentos disuasorios, o reforzo do transporte urbano (tanto taxi como bus) e o despregamento de lanzadeiras, e tamén con máis efectivos da Policía Local e de Protección Civil. “O que é claro é que insistir neste caos é unha temeridade”, remachou.

Recuperar a Panificadora para a cidade

En relación á inadmisión do recurso de casación do Concello de Vigo contra a sentenza do TSXG a respecto da Panificadora, o edil nacionalista trasladou ao Goberno municipal é a plena disposición do BNG a seguir a apoiar todas e cada unha das medidas que permitan recuperar para a cidade a Panificadora, para protexela e conservala como unha das “máis importantes pegadas patrimoniais na historia da nosa cidade”.

Igrexas solicitou á Xerencia Municipal de Urbanismo que elabore un informe para aclarar o alcance da decisión xudicial, que anula o acordo plenario unánime de decembro de 2020 para a modificación puntual do Pepri do Casco Vello neste ámbito, para aclarar se terá algún tipo de incidencia nas previsións urbanísticas recollidas no novo PXOM. “A posición do BNG é a de que hai que blindar por todos os medios a Panificadora para evitar que sexa engulida pola cobiza especulativa”, explicou.

Salir de la versión móvil