Acusan a Mos de publicitar como subvencións da Xunta achegas doutras administracións

Obras na Quiringosta // Concello de Mos

Publicidad

Os socialistas de Mos veñen de denunciar que o Goberno municipal publicita como subvencións da Xunta de Galicia importes que en realidade aportan outras administracións. A voceira do PSdeG-PSOE, Victoria Alonso, pon como exemplo as obras nun camiño municipal. O Concello de Mos anunciou que a Xunta aportaba 35.347 euros, cando en realidade son 6.185,73 euros, segundo os socialistas.

“A meirande parte dos fondos proveñen do FEADER, un Fondo Social Europeo para o desenrolo rural, cunha subvención de 26.510,24 euros”, explican. As cifras, segundo apuntan os socialistas complétanse con 2.651,03 euros do Ministerio de Agricultura e Pesca, amais dos mencionados 6.185,73€ da Xunta e 7.422,87 euros de fondos municipais. As obras no Camiño da Quiringosta tiñan un orzamento de 42.769,87 euros.

A voceira socialista, Victoria Alonso, pídelle a actual rexedora “non engane a veciñanza con subvencións que non son da Xunta, e que abandone esta actitude de intentar menosprezar e desprestixiar a outras administracións que tamén están a facer investimentos no Concello”. Alonso finaliza asegurando que “parece que xa comezou a campaña electoral de cara as vindeiras eleccións, e quere atribuírlle a Xunta investimentos que non son tan elevados cun interese político”.

Salir de la versión móvil