Adela Sánchez Moreiras, nova vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica

Publicidad

A catedrática do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo, Adela Sánchez Moreiras (Vigo, 1971), será a nova vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica da UVigo. A investigadora do grupo de Agrobioloxía Ambiental: Calidade, Solos e Plantas e membro da xunta directiva do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación incorpórase á dirección da vicerreitoría logo da confirmación nas últimas horas da marcha do catedrático do Departamento de Enxeñaría Telemática Martín López Nores, que seguirá a colaborar coa Reitoría aproveitando a súa experiencia previa en procesos de dixitalización, automatización e mellora da eficacia

Licenciada en Bioloxía pola USC, logo de acadar o seu doutoramento en Fisioloxía Vexetal no ano 2004, Sánchez Moreiras iniciou a súa carreira investigadora no Instituto Max Planck de Ecoloxía Química (Alemaña). No ano 2007 incorporouse á UVigo, onde no ano 2023 foi nomeada catedrática. Ao longo da súa traxectoria realizou estadías de investigación en EEUU, Francia, Alemaña e Italia, ademais de exercer entre os anos 2010 a 2018 como secretaria e presidenta a mesa do PDI laboral.

Precisamente a esta circunstancia alude a nova vicerreitora que destaca que “igual que fixen como representante sindical do PDI, a partir de agora defenderei a todos os colectivos que integran o persoal docente, poñéndome na súa pel. Teño a intención de escoitar, chegar a acordos e tomar decisións”, asegura Sánchez Moreiras, que gaba o traballo desenvolvido polos seus antecesores no cargo, en especial o de Manolo Ramos, “unha perda inmensa”, lamenta.

O reto da renovación do profesorado

Xunto á elaboración do Plan de Organización Docente (POD), a nova vicerreitora sitúa a renovación do persoal docente da UVigo como unha prioridade. “Non sei se me tocará a min ou a outro vicerreitor ou vicerreitora, pero a Universidade de Vigo está nun momento no que precisa ir anovando o seu profesorado”. Neste sentido, Adela Sánchez Moreiras lembra que a UVigo naceu na década de 1990 e está a piques de que moitos dos e das súas docentes se xubilen, polo que cómpre realizar unha renovación “atopando o equilibro”, sinala.

Salir de la versión móvil