Alejandro Lorenzo: "Temos que lograr a maioría absoluta que garanta o Porriño que queremos"

Publicidad

Alejandro Lorenzo "Caroca" (Partido Popular) chega ás eleccións municipais do Porriño como alcalde, tras a dimisión da anterior rexedora, a socialista Eva García de la Torre, que lle levou á Alcaldía ao non fructificar un acordo na esquerda. Tras 15 meses á fronte do Goberno local, Lorenzo busca agora alcanzar a maioría absoluta para poder manterse no Goberno e aprobar uns novos orzamentos. Nas anteriores eleccións o Partido Popular quedou a un concelleiro de conseguilo.

Pregunta. Estas eleccións son particulares para vostede porque chegou á Alcaldía xa empezada a lexislatura. Como valora este ano e medio no Goberno?

Resposta. Está claro que levamos ano e medio traballando sen descanso, con todo un grupo de concelleiros e concelleiras que o deron todo. O que había que facer era sobre todo unha xestión que non existía, sanear as contas do concello para poder levar a cabo numerosos servizos e melloras sobre todo en novas infraestruturas e obras que son moi necesarias para o Concello e as parroquias.

P. Cres que o feito de estar na Alcaldía e que os veciños comprobaran como gobernas pode beneficiarte de cara ás eleccións?

R. Creo que é importante que a xente me coñeza e que vira a nosa capacidade de traballo en ano e medio. Fixemos unha xestión que deu lugar a que o Concello do Porriño teña un aforro de case 14 millóns de euros e despois de entrar cunha débeda de 5,5 millóns esteamos case coa conta 413 a cero e coa posibilidade de emprender importantes obras.

P. Cales son os tres ou catro principais proxectos para poñer en marcha na próxima lexislatura?

R. A necesidade de saneamento das parroquias e a mellora dos viais, que están nun estado nefasto. É algo necesario, básico e esencial. Hai que facer un plan de melloras de saneamento integral. E hai que mellorar os nosos colexios e como non, a construción dun auditorio. Para ser a cidade da cultura necesitámolo, é unha necesidade total.

P. Estará o auditorio construído nos próximos catro anos?

R. Estou completamente seguro. Así o dixen no seu momento. O Porriño será a cidade da cultura. Xa hoxe ten numerosas actividades culturais e esa é a liña a seguir.

P. Que sería un bo resultado nas eleccións?

R. Un bo resultado sería conseguir a maioría absoluta para poder ter un orzamento. Co de 2018, que temos agora, é imposible facer as xestións, prestar servizos e levar a cabo as melloras que se precisan. Co aforro que logramos poderíamos ter un orzamento que permita facer numerosas obras.

P. E se gañas pero non se logra maioría absoluta, sería posible gobernar para o PP?

R. Non. Así pasou en 2015 e 2019. Estivemos ás portas da maioría absoluta pero non puidemos gobernar. O resto dos grupos o que fan é xuntarse todos eles para que non goberne o partido máis votado. Temos que mobilizar á xente, que confíe no noso proxecto, para lograr a maioría absoluta que garanta O Porriño que queremos.

P. Cal é O Porriño que quere Alejandro Lorenzo?

R. O dos veciños e veciñas do Porriño. Eles escribiron o Porriño do pasado, do presente e o do futuro.

P. As políticas de vivenda non son de competencia municipal, pero é un problema importante. Que se pode facer dende o Concello?

R. É fundamental. Cando levamos a pleno en 2022 o orzamento que foi rexeitado pola oposición se plantexaba un préstamo para investimentos en saneamento, soterramento da vía do tren e compra de parcelas para destinar a vivenda de protección oficial. Eran terreos que podíamos adquirir para facer un plan de vivenda. Esa é a liña a seguir. Estamos nun concello que excede os 20.000 habitantes, somos dos poucos que subimos, e a poboación xove existe e moita e hai que dotar de vivenda para que teñan a oportunidade de ter futuro no Porriño.

P. O anterior Goberno apuntaba a que o problema do paso a nivel estaba xa moi avanzado. Cal é a situación actual?

R. É unha situación que nunca se quere plantexar polas administracións competentes. É competencia do Estado. Pretendían inicialmente que o coste de 21 millóns o Concello puxera uns catro ou cinco millóns. No momento en que quixemos facer o convenio tivemos outra reunión con Adif e xa subiron a 28 millóns e unha aportación de case 8 millóns do Concello. En calquera caso, non existía partida orzamentaria por parte de Adif nin no Ministerio. Tampouco estaba o proxecto, soamente o anteproxecto.

P. A nivel de ocio e cultura, cales son as principais apostas?

R. Queremos seguir contando cos artistas locais, que son moitos, e coas distintas academias que colaboran de maneira magnifica. Temos cada trimestre unha actividade cultural moi alta e queremos seguir avanzando. É fundamental ter actividade todas as fins de semana, tanto con artistas locais como galegos ou do resto de España. Fai que a nosa hostalaría e comercio creza tamén e que os veciños e veciñas e persoas que se acheguen poidan desfrutar. Queremos ser un referente na Cultura.

P. O seu Goberno puxo en marcha iniciativas como os aparcamentos disuasorios, como se pode avanzar agora no Plan de Mobilidade Sostible e carrís bici?

R. Estamos traballando nesa liña. Agora temos un proxecto moi importante de case 1,5 millóns cun carril bici dende a rotonda de Cans até a rotonda do cruce de Salceda. Son cae dous quilómetros. Sería unha oportunidade para desenvolver a mobilidade sostible. Tamén no paseo do Louro temos un proxecto de 400.000 euros para un carril bici e unha senda no paseo. E tamén os aparcamentos que permiten aparcar e desfrutar do Concello, da hostalaría e do comercio. Ao mesmo tempo queremos ampliar eses aparcamentos e estudar os viais de acceso. Por último, temos previsto unhas lanzadeiras coa Xunta para que os polígonos do concello estean conectados co casco urbano. Así a xente pode ir en autobús a traballar. E queremos unhas liñas específicas entre as parroquias e o casco urbano.

P. Se vostede está ao fronte do Goberno vaise adquirir Villa Florida ou está descartada a idea?

R. Non está descartada para nada. É unha das ilusións que temos. Hai conversacións coa familia e temos que respectar a súa intimidade e decisións. Dependemos dos técnicos municipais que fagan os informes e determinen os prezos de mercado. Así se fixo, tamén cunha empresa de taxación e o comunicamos á familia. Estamos esperando resposta de se consideran vendela.

P. Que se xoga O Porriño o 28M?

R. O Porriño que os veciños e veciñas quere. Que queren levar a cabo e con queren facelo. Reitero a importancia dunha maioría fundamental para que dunha vez teñamos orzamento municipal e a través dos aforros poidamos facer melloras e infraestruturas no concello e parroquias. Para iso fixemos esta xestión económica. Ter 14 millóns de euros poucos poden dicilo. A pesar de que viñamos dun concello esquilmado, con facturación irregular constante e sistemática. Regulamos todos os servizos, que estaban sen contrato. En 15 meses xestionamos o concello e regulamos toda a contratación.

Salir de la versión móvil