O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, instou a "non romper o consenso na defensa do galego" e a "unirse para facelo rexurdir", no acto institucional de conmemoración do Día das Letras Galegas, celebrado na Coruña, onde naceu a autora homenaxeada, Luísa Villalta.
"Rompelo sería tanto como imitar modelos que mostraron a súa ineficacia, a forza da nosa lingua reside no noso pobo", sentenciou despois de que no Parlamento galego o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, expuxese un pacto polo idioma galego. Rueda apelou a un traballo "entre todos e contra ninguén" para incentivar o uso deste idioma, "evitando métodos alleos á nosa sensibilidade" e con "harmonía" entre o galego e o castelán. Ante as autoridades presentes, entre elas o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, e familiares da homenaxeada, dixo que a lingua galega é "como un fogar que non pertence a ninguén, que é de todos e todas".
Tarefas pendentes
Tamén reivindicou "o necesario impulso a unha lingua que nos une". "Non é patrimonio de ninguén, é patrimonio de todos", insistiu na súa intervención na que admitiu que "queda moito por facer" para incentivar o uso deste idioma. A iso atribuíu a creación, neste novo mandato, da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e remarcou que, entre as súas tarefas, está "seguir dando futuro á nosa lingua e reivindicando o camiño emprendido para engradecer o noso idioma".
"Aínda quedan etapas por diante, quedan por superar moitos desafíos, sabemos que a fórmula idónea é o respecto ás diferentes sensibilidades", recalcou para instar a facelo "por encima das cores políticas". "Facelo entre todos e contra ninguén, sabendo cal é a realidade lingüística da nosa terra e fomentar o noso idioma", aseverou Rueda, quen insistiu en que galego e castelán "non teñen que ser inimigos". "As linguas non poden estar afastadas por muros", expuxo.