Da organización de diferentes xogos, a converter unha aula nun mercado, pasando por realizar a compra nunha gran superficie. A través de diferentes actividades de carácter lúdico, un proxecto de aprendizaxe-servizo (ApS) no que participan preto de 25 estudantes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte busca achegar unha serie de habilidades básicas de cálculo a mozos e mozas coa síndrome de Down e diversidade intelectual. Promovido pola profesora Marta Pérez xunto con Down Vigo, neste proxecto participan nove alumnos e alumnas do Curso Preuniversitario desta asociación, que ten como obxectivo promover a súa inclusión social e laboral.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de innovación educativa en ApS no marco da Axenda 2030 e dos seus ODS da Vicerreitoría de Benestar, Equidade e Diversidade, o proxecto MatIncl, Matemáticas Inclusivas desenvólvese por cuarto ano consecutivo no marco da materia Recursos para o ensino das matemáticas, do Grao en Educación Primaria. Nela, o alumnado debe “adquirir recursos para a ensinanza das matemáticas, polo que considerámola unha experiencia moi apropiada”, salienta Pérez, que destaca o “receptivo” que se mostra o alumnado cunha “experiencia práctica” que lles permite adquirir habilidades e competencias profesionais, á vez que pon o foco no papel que poden xogar no impulso dunha educación inclusiva. “En certo modo, están preparándose para o día de mañá, para cando teñan que pór en práctica nas aulas actividades para alumnos e alumnas con diversidade intelectual”, subliña esta docente.
“O principal obxectivo é que as persoas participantes poidan traballar, mediante contidos teórico-prácticos, as habilidades básicas de cálculo matemático que son de grande utilidade na vida diaria, a través dunha experiencia inclusiva”, engade Antía Vaamonde, responsable de formación de Down Vigo. Neste proxecto de ApS participan nove estudantes do Curso Preuniversitario, que ten como obxectivo “fomentar a autonomía e o manexo das novas tecnoloxías”. Tras este curso previo, está previsto un período de formación universitaria, que esta asociación desenvolve coa Universidade de Vigo, e outro de prácticas en empresas. Neste marco formativo, sinala Vaamonde, este ApS constitúe “unha grande oportunidade” para as e os participantes deste programa, que poden “vivir experiencias noutros contextos educativos”, pero tamén para os universitarios e universitarias, xa que é "unha experiencia directa co mundo da diversidade intelectual”.
Unha aprendizaxe lúdica e funcional
Partindo dunha serie de pautas abordadas nunha sesión de traballo previa, os universitarios e universitarias traballaron divididos en diferentes grupos con cada un dos nove alumnos e alumnas de Down Vigo, cos que poñen en práctica unha serie de actividades e xogos pensados para traballar accións e situacións concretas. O obxectivo desta actividade, lembra Pérez, é promover “unha aprendizaxe significativa e, sobre todo, funcional”, que lles achegue a operacións matemáticas moi presentes na súa vida diaria. Ao mesmo tempo, os estudantes de Educación Primaria debían en cada sesión ir “tomando datos sobre as carencias que detectan na súa aprendizaxe”, de cara a traballalas na seguinte, promovendo deste xeito unha “educación personalizada”, que se adaptase ás necesidades de cada participante.
Con esa idea de ligar a aprendizaxe a “unha contorna máis próxima á realidade”, unha das propostas deste ApS foi a de converter unha aula da facultade nun mercado no que os estudantes de Down Vigo tiñan que realizar unha serie de compras. A cada un deles, explica Pérez, asignábaselle ao inicio da sesión un “plan de día”, de tal xeito que tiñan que ir acudindo aos diferentes postos en función das actividades recollidas nese plan. Nesa mesma liña, a última das actividades propuña que os alumnos e alumnas de Down Vigo acudisen realizar a compra unha gran superficie, acompañados polos estudantes da facultade. “Desde a asociación mándannos unha lista de ingredientes e eles teñen que xestionar os cartos, ver se os produtos que compran son adecuados ou non....”, explica Pérez dunha actividade enmarcada nesa idea de mellorar “as súas habilidades para a vida cotiá”. Con ese propósito, os participantes percorreron o supermercado, divididos en pequenos grupos, ata completar a lista de ingredientes necesarios, calculando en todo o momento o que ían gastando do seu orzamento.