Ana Pontón Mondelo (1977) chega as eleccións galegas do 18 febreiro no mellor momento da historia do BNG, rozando segundo algunhas enquisas a posibilidade de alcanzar a Presidencia da Xunta de Galicia. Chegou ao liderado dos nacionalistas nun dos seus peores momentos e logrou remontar todas as enquisas nas eleccións de 2016 logrando seis escanos no Parlamento galego. Dende ese momento o seu liderado fíxose cada vez máis forte até superar en 2020 ao PSdeG-PSOE e erixirse como primeira forza da oposición. Agora aspira a converterse na primeira muller presidenta de Galicia, e tamén na primeira nacionalista en facelo. Atende a Metropolitano.gal horas antes de pechar a campaña electoral.
Algunhas enquisas abren a posibilidade dun cambio de maiorías no Parlamento e dende o BNG se insiste en que o momento é "Agora". Por que cree que precisamente neste momento si hai posibilidade dun cambio na Xunta?
É o que estamos sentindo na campaña, que hai unha pulsión de cambio que avanza e eu teño a convicción que se todo ese voto inconformista que quere un pais mellor se une na papeleta do BNG o domingo o cambio vai ser imparable e teremos unha presidenta.
Hai unha maioría que ve que co Partido Popular Galicia está perdendo. Perdemos poboación, industria e empregos, xente moza e talento porque emigran fóra, e perdemos peso no Estado. Para gañar hai unha alternativa sólida que é a do BNG, temos un proxecto de país. Eu quero pedirlle aos galegos e galegas a oportunidade para demostrarlle que cun goberno do BNG Galiza vai gañar.
A Sanidade pública é un dos piares do foco da campaña do BNG, en Vigo, o concerto con Povisa finaliza este ano, que fará un hipotético goberno liderado por Ana Pontón con este hospital?
Nós sabemos que Vigo foi unha das zonas cero das privatizacións e hai que avanzar e mellorar a calidade do sistema sanitario. Como? Hai que apostar por unha rede pública que poida absorber ao 100% da poboación, tamén no ámbito hospitalario, e en segundo lugar defendemos que hai que rescatar a Atención Primaria. Xa Vigo foi o lugar onde primeiro empezaron a detectarse eses problemas e todos os responsables de Atención Primaria dimitiran en bloque no 2019. Queremos rescatar a Atención Primaria cun plan de 200 millóns de euros co obxectivo de destinar o 25% do orzamento da Consellería de Sanidade á Atención Primaria. Hai que incrementar especialidades como introducir a psicoloxía clínica xa que o 30% das consultas teñen que ver coa saúde mental. É unha forma de coidar mellor as persoas e desconxestionar unha Atención Primaria ao borde do colapso.
Cales serán as primeiras medidas do BNG coa Sanidade Pública para corrixir as críticas que agora se fan dende a oposición
Vigo merece un trato xusto da Xunta de Galiza. Ao longo destes últimos 15 ano vimos como o PP non tiña ningún proxecto nin para impulsar a economía, a creación de emprego nin para facer de Vigo un centro referencial da innovación. Tampouco para atender os problemas do día a día da xente para acceder á vivenda, por exemplo. Queremos que cunha presidenta do BNG Vigo teña un gran impulso. Hai que colaborar e deixar a política da confrontación inútil para impulsar proxectos como esa Área Metropolitana, para centrarnos en que Vigo sexa un gran polo de innovación e atracción de industria e para poñer en marcha medidas que permitan que a xente poida acceder a unha vivenda. As últimas vivendas públicas que se entregaron en Vigo foi cunha Consellería do BNG no anterior goberno de coalición. Hai que declarar zonas tensionadas onde sube moito o aluguer e temos que apostar sobre todo por mobilizar vivenda baleira. Hai unha cantidade moi importante e vivenda baleira en Vigo e imos facer unha compra desa vivenda para destinala a aluguer para rendas medias, baixas, mocidade... en definitiva para facer efectivo o dereito a vivenda.
Que é mellor, limitar prezos de alugueiro, construír nova vivenda ou poñer esas vivendas baleiras a disposición da xente?
O máis rápido é mobilizar vivenda baleira. Imos poñer en marcha un programa de compra de vivenda baleira par destinala ao aluguer e imos crear un imposto para gravar a empresas, bancos e fondos de inversión que teñen moitos pisos parados. Se non a queren poñer no mercado inmobiliario van a ter que pagar un imposto que se destinará a construír ou comprar vivenda pública para aluguer. Hai que incrementar a vivenda que hai no mercado. Vai ser unha cuestión clave. Tamén pensamos que a declaración de zonas tensionadas pode conter a subida de prezos que é insoportable para o salario medio deste pais.
Como se fomentará o transporte público en Galicia?
Necesitamos cambiar o concepto de mobilidade. O tren ten que ser unha aposta deste século XXI. Un dos compromisos do Goberno central no pacto de investidura co BNG é que a área de Vigo vai ter un tren de proximidade. Imos a traballar para que desde o Goberno galego iso se efectivice. Tamén pensamos que é clave apostar por desenvolver unha compañía ferroviaria propia que nos permita dar ese servizo de cercanías en todo o país. Hai que ir a un cambio no transporte que depende da Xunta de Galiza. A creación da Área Metropolitana tiña que ser unha peza clave para darlle dimensión e poñer en marcha unha nova política tarifaria. Sería importante chegar a un acordo con todas as institucións para crear unha nova política tarifaria para poñer en marcha unha tarifa na que por 30 euros ao mes poidas usar todos os medios públicos de transporte. Faise en toda Europa, funciona e queremos implementalo en Galiza.
Se acceden a Xunta, poderán elixir a Presidencia do Porto de Vigo, como debe ser o cambio neste actor tan importante na cidade olívica?
O Porto de Vigo hai que dimensionalo, hai que facelo máis competitivo mellorando as súas propias conexións e tamén é clave que sexamos capaces de que o porto sexa un elemento dinamizador de Vigo. Desde logo vamos a traballar para darlle un impulso maior, captar novos tráficos e poñer ese porto fundamental no mapa.
Nas relacións transfronteirizas con Portugal concellos do BNG como Tomiño están fomentando moito estas relacións. Había incluso un proxecto de ponte peonil... que fará o BNG na Xunta para acrecentar esa relación tan importante no Baixo Miño?
Para Galiza non só para O Baixo Miño a relación con Portugal é estratéxica. Estámonos convertendo na Eurorrexión nunha economía de sete millóns de habitantes. É unha gran oportunidade para as nosas empresas, para o desenvolvemento económico e tamén temos que trazar unha liña de cooperación intelixente que nos permita beneficiarnos a ambos lados da Raia. As eurorrexións son un concepto clave na política europea e queremos estar aí con voz propia.
A campaña evolucionou moito na última semana e o PP endureceu as críticas ao Bloque e a relaciona incluso con ETA a vostede…
En política non vale todo. En todo caso, o que vemos no Partido Popular e que está absolutamente nervioso. Está así co BNG porque sabe que hai unha enorme ilusión na nosa sociedade en torno ao cambio que propoñemos. Hai miles de persoas que están cansadas de ver como Galiza vai a menos co PP e que teñen depositadas as súas esperanzas en nós. Vamos a seguir facendo unha campaña en positivo de ideas, de propostas e de ilusión porque iso é o que necesita este pais: un goberno con ilusión e ambición. Eu quero ser esa presidenta.
O PP demostrou que nin é capaz de defender a súa xestión nin ten un proxecto de futuro. Segundo foi evolucionando a campaña xa non esconderon as siglas, senón que escondían ao seu candidato. Galiza merece unha presidenta que dea a cara, que non se esconda e eu quero ser esa presidenta e para iso pido a confianza aos galegos e galegas, para demostrarlle que co BNG Galiza vai gañar e a vida da xente vai mellorar.
Cales son as tres principais medidas que quere implementar en primeiro lugar como presidenta?
Imos apostar por rescatar a Sanidade Pública, cun plan de 200 millóns de euros de Atención Primaria. En segundo lugar vamos a aprobar a gratuidade dos libros de texto porque o mazazo que supón para moitas familias o inicio do curso escolar e o terceiro é que hai que coidar mellor a xente maior deste pais. Incrementaremos os recursos para o Servizo da Axuda no Fogar.
Como é a Galicia que imaxina en catro anos?
Imaxino unha Galiza máis orgullosa de si mesma. Unha Galiza onde a cidadanía sinta ese orgullo do país que esteamos construíndo porque imos mellorar a sanidade, a educación e imos apostar porque a mocidade teña futuro aquí. Imos apostar por unha Galiza verde, produtiva e feminista.