Tomiño acolleu o pasado sábado a segunda edición da festa Agro LGTBIQ+. O mercado municipal foi o escenario elixido para esta celebración festiva, na que non faltou de nada: concertos, obradoiros, charlas, photocall e manifesto. Este último, a cargo de Andrés Benítez Oliveira, produtor audiovisual e recoñecido membro do colectivo LGTBI do municipio. O goianés explicou a súa difícil experiencia de ser homosexual no rural durante a súa infancia e adolescencia, opinando que o cambio da sociedade neste sentido e a visibilidade e normalización do colectivo, depende non só da familia e da escola, senón tamén das administracións públicas. "Penso que as administracións publicas teñen moito traballo neste campo. Os nenos e nenas dende que están na gardería, teñen que entender como natural que un compañeiro e compañeira da clase pode ter dous papas ou dúas mamas, e todo e normal e non pasa nada", comentou.
Andrés explicou ademais que segunda Festa Agro LGTBI, organizada polo voluntariado da oficina de Información Xuvenil (OMIX), "xorde da necesidade de visibilizar ao colectivo LGTBI+ no ámbito rural, e tamén coma unha vía de reivindicación do campo, como un lugar de oportunidades”.
A festa comezou cunha sesión vermú artesá e o espectáculo circense Victoria. Ás 12.30h tivo lugar o primeiro obradoiro infantil “Trans*formando Realidades, a cargo de Sara Uris. Ángel Amaro Quintás, licenciado en Socioloxía, coeducador e dinamizador comunitario, puxo a nota intelectual na festa, coa charla "Entre a invisibilidade e o paternalismo: a emerxencia do armario de cristal".
Ao longo do día houbo espectáculos circenses e de transformismo; concertos, DJ, charlas, purpurina e brillantina biodegradables para todas as persoas participantes e un photocall para fotografarse. Tras a comida picnic, celebrouse o espectáculo de transformismo “Escribiuse un crime”, con “Marinita y sus maromas”, compañía de teatro DRAG, e despois, concerto de “Las Marikarmen”, cabaret musical queer-pop, con músicos de distintas nacionalidades. Ás 19.30h, tivo lugar a última das actuacións: Russinha (DJ set) e coma peche da xornada, deuse lectura ao manifesto a cargo do goianés Andrés Benítez.