A área metropolitana tínguese de negro contra a violencia machista

Publicidad

Seis concellos da área metropolitana de Vigo participan este ano na campaña “en negro contra as violencias” promovida polo concello de Santiago de Compostela. Xunto a eles, ducias de establecementos e asociación que unirán este 25 de novembro as súas forzas para reivindicar unha sociedade sen vítimas de ningún tipo de machismo.

Cangas, Gondomar, Nigrán, Salceda de Caselas, Tomiño e Tui apoiarán institucionalmente esta campaña, na que participan 72 concellos en toda Galicia e 1907 establecementos e axentes sociais. Os seis concellos animan a toda a veciñanza a participar activamente e tinguir o municipio de teas negras e acción reivindicativas.

Esta acción, ao igual que o ano anterior, está destinada a tinguir as rúas de negro para mostrar todo o noso rexeitamento ás violencias de xénero. É importante lembrar que dende 2003 ata maio do 2017, a Delegación de Goberno rexistrou 53 asasinatos machistas en Galicia, e 780 no conxunto de España.

Todos e todas á rúa en Cangas

‘Cangas contra as Violencias Machistas’ é o lema da manifestación que o Consello de Igualdade municipal pon en marcha para o vindeiro 25 de novembro, día no que se conmemora o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. A saída realizarase o 25N ás 12:00 horas desde a Praza do Concello.

Esta mobilización é complementaria á campaña Cangas en Negro na que participan máis de 130 establecementos. Amais, o Concello anima a toda a veciñanza a que colguen dos balcóns, fiestras e portas panos negros para denunciar de xeito masivo a lacra para a sociedade que supón a violencia machista.

Bueu e A Guarda programan iniciativas semellantes

En Bueu, será o 24 de novembro, ás 11.40 horas, cando teña lugar unha en memoria das vítimas da violencia na Alameda do Concello. Xa ás 12 horas, o alumnado do CEIP Montemogos de Beluso será o encargado de realizar a Declaración conmemorativa.

Así mesmo, o CIM Bueu leva xa varias xornadas impartindo obradoiros contra a violencia de xenero, os roles estereotipados e o control nas relacións de parella nos diferentes centros educativos. Entre o 17 e o 27 de novembro, expoñeranse carteis, fotografías, murais e siluetas de mulleres e corazóns con frases a favor da igualdade e a non violencia e de apoio ás vítimas desta lacra social. Tamén a Biblioteca Municipal Torrente Ballester colocarán mesas con todo o material bibliográfico sobre a temática da violencia á muller e a consecución da igualdade.

Pola súa parte, na Guarda a programación dará comezo o xoves 23 de novembro coa proxección da curtametraxe «Lurna» no Centro Cultural ás 20:30 horas. O filme conta a historia dunha muller senegalesa que abandona o seu país na procura dunha vida mellor. Deseguido, o director da obra, o guardés Nani Matos, ofrecerá unha charla-coloquio sobre a trata de persoas.

O sábado 25 de novembro terá lugar na Casa dos Alonso un acto conmemorativo no que o alcalde, Antonio Lomba, e as concelleiras da Corporación Municipal colocarán unha pancarta coa que se expresa a total repulsa por todos os casos de violencia machista. Tras o acto, que comezará ás 12:00 horas, o grupo Cinta Adhesiva realizará unha actuación poético-musical, cunha reflexión sobre a vida e as formas de actuar do ser humano.

Completando a programación, o sábado tamén terá lugar a representación teatral «Nacidas libres» no Centro Cultural, ás 20:00 horas. A obra relata a historia de catro actrices que deciden emprender e montar unha peza inspirándose nunha noticia aparecida nos xornais sobre tres monxas indias retidas nun convento de Santiago contra a súa vontade. O espectáculo ofrece múltiples reflexións e referencias a diversos temas vistos dende a perspectiva de xénero, tales como a desigualdade ou os condicionantes culturais, sen perder o humor. A entrada será de balde ata completar as prazas dispoñibles e as entradas poderán solicitarse a partir deste venres, 10 de novembro, no Centro Cultural ou no Centro de Información ás Mulleres (CIM) da Guarda.

Salir de la versión móvil