Arranca Montes Vigo 2046, a estratexia coa que pór en valor un monte vigués máis sostible

Publicidad

Deseñar unha estratexia que poña en valor os múltiples servizos que o monte periurbano proporciona á sociedade e concienciar ao tecido social e empresarial vigués da crucial importancia do monte no benestar da sociedade. Este é o obxectivo co que este xoves se puxo en marcha na Facultade de Bioloxía o proxecto Montes Vigo 2046, unha iniciativa que chega da man da Mancomunidade de Montes de Vigo, a Universidade viguesa e a Fundación Biodiversidad, tres institucións que unen forzas e coñecementos para tratar de identificar e valorar os principais servizos ecosistémicos que os 14 montes veciñais en man común da cidade olívica achegan á cidadanía, definindo estratexias mancomunadas de xestión sostible para os vindeiros 25 anos.

“Unha das principais misións que ten a Universidade é transferir coñecemento á sociedade e, por iso, a colaboración entre todos os que hoxe nos atopamos aquí é fundamental para avanzar na creación e difusión deses coñecementos, así como na aplicación práctica dos mesmos para resolver desafíos e mellorar a calidade de vida das persoas”, explicou na presentación a profesora Josefina Garrido, responsable do Grupo de Bioloxía Ambiental, que será o encargado na UVigo de xestionar o proxecto, xunto do Grupo GEN, Governance And Economics Research Network, da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

Ao carón de Josefina Garrido participaron na presentación do proxecto, o presidente da Mancomunidade de Montes de Vigo, Uxío González, e Alberto Capataz, experto en xestión de proxectos de I+D+i da Fundación Biodiversidade, entidade que financia a iniciativa.

Máis de 40 entidades da área metropolitana

No caso de Uxío González agradeceu a colaboración da Universidade de Vigo, “socio principal deste proxecto”, así como as cartas de apoio recibidas desde a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, a Dirección Xeral de Defensa do Monte, o Porto de Vigo, os tres concellos do Valmiñor (Baiona, Gondomar e Nigrán), así como as máis de 40 entidades veciñais, sociais, culturais e comunidades de monte, en especial a Asociación Forestal de Galicia e a Organización Galega de Comunidades de Montes. “Temos depositadas moitas esperanzas en que os resultados deste proxecto, que serán extrapolables a outras comunidades de montes e áreas periurbanas doutras cidades, sexan moi positivos”, salientou González.

O amplo respaldo co que conta o proxecto reflectiuse tamén no numeroso público que asistiu á presentación, incluíndo un amplo número de especialistas en xestión forestal procedentes de distintas institucións e organismos, numerosas entidades sociais e empresariais de Vigo, así como persoas responsables doutros proxectos beneficiarios da convocatoria de Bioeconomía Forestal 2023 que se desenvolverán en Galicia.

Desde a Fundación Biodiversidad Alberto Capataz felicitou aos promotores do proxecto por ter sido unha das 56 propostas seleccionadas entre as 163 candidaturas presentadas. Así mesmo, resaltou a importancia do traballo conxunto entre as comunidades de montes e a universidade, un “traballo en bloque” co que se pon de manifesto a importancia de seguir loitando pola adecuada conservación das zonas verdes que rodean as cidades.

Fondos NextGeneration

Tal e como se explicou durante a xornada, o proxecto executarase entre 2024 e 2025 e conta cun orzamento de 269.000 euros, financiados na súa inmensa maioría pola Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.

Tras a presentación foi o secretario técnico de Montes de Vigo, Xosé Antón Fernández, o encargado de facer unha presentación xeral da comunidade de montes veciñais, entidade que agrupa a arredor de 4000 comuneiros, e que no 2046 cumprirá as súas vodas de ouro. Desde a UVigo contouse tamén coa participación do catedrático de Bioloxía Ambiental e exreitor Salustiano Mato e a profesora de Economía Aplicada María José Vázquez. Eles foron os encargados de explicar que o grupo de Bioloxía Ambiental e o grupo GEN serán os encargados de investigar os servizos ecosistémicos, particularmente os servizos culturais/recreativos e os recursos hídricos, facendo unha valoración económica dos mesmos. De xeito complementario realizarase tamén a análise da captación de CO2 agregada.

Salir de la versión móvil