Arranca un proxecto europeo coordinado pola UVigo que avaliará a saúde dos solos da Unión Europea

Publicidad

Velar pola saúde e a biodiversidade dos solos europeos. Este é, en esencia, o grande obxectivo co que se pon en marcha o proxecto europeo SOB4ES, Integración da biodiversidade do solo nos servizos ecosistémicos: comprobación da rendibilidade dos indicadores de biodiversidade do solo e da prestación de servizos ecosistémicos baseados na biodiversidade para crear mellores solucións de xestión que apliquen eficazmente a estratexia da Unión Europea para o solo.

Financiado con 7,2 millóns de euros e cunha duración de cinco anos, o proxecto está coordinado pola Universidade de Vigo e foi precisamente a cidade olívica a elixida para celebrar esta semana a reunión de lanzamento, un encontro no que participaron representantes dos 19 socios implicados, profesionais procedentes de máis dunha ducia de países: Francia, Grecia, Países Baixos, Suecia, Irlanda, Italia, Reino Unido, Alemaña, Bélxica, República Checa, Israel, Eslovenia, Romanía e Suíza.

O consorcio está dirixido pola catedrática do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo Mª Jesús Iglesias Briones, quen conta cunha longa traxectoria profesional que inclúe a participación en numerosos proxectos internacionais, entre os que cabe destacar a elaboración no ano 2021 do informe "State of Knowledge of Soil Biodiversity", promovido pola FAO e no que participaron máis de 300 científicos e científicas de todo o mundo ou, previamente, ter sido seleccionada para formar parte do Comité Global Soil Biodiversity Assessment (GSBA), cuxa primeira misión foi elaborar o Atlas Global de Biodiversidade do Solo.

Coñecer o estado actual destes solos

“O primeiro que faremos é tratar de obter unha visión moi completa da biodiversidade dos solos europeos de distintas rexións climáticas, en distintos tipos de ecosistemas e con diferentes tipos de intensidade de manexo para así determinar o estatus real da biodiversidade destes solos”, explica a catedrática viguesa. Esa sería a primeira parte, o obxectivo inicial, pero, a partir de aí o proxecto inclúe moitas outras facetas.

“Imos tentar relacionar eses datos con aspectos condicionais sobre como funcionan eses ecosistemas e establecer o que se chaman os servizos ecosistémicos”, subliña a investigadora, quen explica que estes servizos ecosistémicos se dividen en catro grandes tipos: os de aprovisionamento, como por exemplo, a produción agrícola; de soporte, é dicir, que a biodiversidade facilita e mellora a estrutura dos solos; de regulación, no senso de que participan na reciclaxe de nutrientes, o secuestro de carbono, etc. e, xa por último, os estruturais, “e aquí o que imos tentar é  que a biodiversidade do chan polo feito de existir teña tamén un valor, como o pode ter, por exemplo, un oso panda”.

Conservación da biodiversidade

“O desafío é proporcionar coñecemento sobre a biodiversidade do solo para permitir que os responsables políticos integren medidas efectivas de conservación da biodiversidade do solo na lexislación da UE”, explica Iglesias Briones, resaltando a idea de que o obxectivo a longo prazo de SOB4ES é apoiar a estratexia do solo da UE e a próxima Lei Lei Europea de Saúde do Solo con desenvolvementos de políticas que inclúan medidas concretas e incentivos para garantir a protección, restauración e usos sostibles dos solos en toda a UE.

“Búscase que todos os estados membros se aseguren que os solos están sans, e con sans referímonos a que funcionen ben e respondan a todos eses servizos ecosistémicos”, subliña a investigadora, ao tempo que engade que “un solo san é un solo vivo e, polo tanto, funcional e que proporciona todos os servizos ecosistémicos”. Ao seu modo de ver, isto nada ten que ver co concepto de ‘calidade do solo’, de manexo habitual ata hai pouco tempo, e que se refire, case de xeito exclusivo, a termos de produtividade. “A base de engadir fertilizantes podemos, por exemplo, ter moita biomasa de cereal, pero iso non significa que o solo estea san, de feito aí a biodiversidade está feita polvo, xa que estás engadindo químicos para reemprazar o que te daría de xeito natural un solo san”, subliña Iglesias Briones.

A UVigo participa de xeito activo

A UVigo participará de xeito activo en todos os paquetes de traballo, ademais de exercer a coordinación xeral. Entre outros moitos aspectos, desde a institución académica viguesa vaise participar na recollida de mostras de campo para identificar todos os organismos edáficos, facer análises químicas e ata implementar unha ferramenta dixital dirixida a que a sociedade se achegue a estas cuestións e poida coñecer mellor os solos. “Son multitude de aspectos, pero todos deben ir dirixidos a conseguir información útil para o Observatorio de Solos Europeo”, engade a coordinadora, quen explica que o proxecto inclúe tamén a creación dos soportes dixitais necesarios para estruturar toda esa información que se vaia recollendo ao longo do proxecto e transferila ao observatorio.

Salir de la versión móvil