As ferramentas virtuais personalizadas melloran a interacción social en nenos e nenas con TEA

Publicidad

As persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) sofren unha disfunción neurolóxica que se manifesta a través dunha serie de síntomas que dificultan a comunicación e, sobre todo, as interaccións sociais e afectivas. Este trastorno adoita diagnosticarse a idades temperás e unha intervención nesta primeira etapa pode axudar a que os nenos e nenas con autismo poidan adquirir habilidades sociais que lles permitan acadar a madurez cunha inserción social adecuada.

En concreto, as tecnoloxías da información e a comunicación, TIC, teñen demostrado a súa utilidade como ferramentas para os tratamentos terapéuticos de varios tipos de trastornos do neurodesenvolvemento, especialmente no caso de persoas con TEA, que teñen unha notable disposición e preferencia polo uso de dispositivos tecnolóxicos. Non obstante, o autismo caracterízase pola diversidade e polas diferencias moi marcadas entre as persoas que o sofren, incluso cando os trazos diagnósticos son similares. Polo tanto, aínda que as TIC supoñen unha oportunidade para o desenvolvemento de soportes terapéuticos, as solucións xeneralizadas non son efectivas e resulta preciso deseñar soportes personalizados. Consciente desta eiva, o investigador Luis Fernando Guerrero decidiu centrar a súa tese de doutoramento en amosar as vantaxes da xeración de soportes tecnolóxicos personalizados en función dos perfís dos usuarios, xa que axudan a xerar un sentimento de autoidentificación e de pertenza cara ás ferramentas, mellorando consecuentemente a eficiencia da intervención terapéutica.

Ecuador, foco do estudo

A tese, dirixida polos profesores Martín López Nores e Jack Fernando Bravo, desenvolveuse no marco do Programa de doutoramento internacional en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións, DocTIC, do centro de investigación atlanTTic. O punto de partida foi o uso de trazos físicos, como sexo ou raza, e das características diagnósticas individuais de cada persoa con TEA para a personalización de interfaces de interacción baseadas en avatares. Ademais, Guerrero testou no contexto concreto da poboación de Ecuador a efectividade do uso destes avatares personalizados nas intervencións terapéuticas.

Como explica o investigador, “a primeira estratexia baséase na inserción de trazos étnicos propios dos grupos humanos do lugar onde viven os participantes na terapia, mentres que a segunda baséase no uso de características diagnósticas propias do trastorno como son os denominados intereses restrinxidos, consistentes en fixacións, preocupacións ou fascinacións por temas específicos, con intensidade ou concentración anormal e un apego permanente”.

Para probar estas estratexias, Guerrero creou un conxunto de avatares con características dos principais grupos étnicos do Ecuador (mestizos, brancos e afroecuatorianos) e de ambos sexos. Ademais, procurou que os trazos antropomórficos coincidisen cos dun neno ou nena de entre 9 e 10 anos e engadiu a posibilidade de modificar a vestimenta e o escenario. A ferramente foi desenvolvida dende cero, apunta o investigadores, e para facelo empregou como punto de partida “fotografías de nenos e nenas de diferentes grupos étnicos do país”.

O xénero e os intereses restrinxidos, as claves da personalización

Unha vez deseñada a ferramenta, o investigador realizou a avaliación en dúas etapas. Na primeira participaron 31 nenas e nenos neurotípicos sen ningún trastorno ou discapacidade que tiveron que elixir un avatar para manter unha interacción. “Os resultados indican que os rasgos étnicos non son un factor crítico” á hora de elixir un avatar, pero o xénero “é fundamental e debe coincidir co do participante para garantir unha interacción adecuada”, explica.

Na segunda etapa, o investigador traballou cun grupo de control composto por 16 nenas e nenos neurotípicos de arredor de 10 anos, outro grupo de control de nenos con TEA cunha media de 5 anos e cun grupo experimental formado por unha nena e seis nenos de idade promedio de 6 anos. Co grupo experimental “avaliáronse os intereses restrinxidos, concretamente a vestimenta e o escenario dos avatares”. Empregando observación directa por parte dos terapeutas e un sensor para a detección da dirección da mirada, determinouse que estes elementos “serven como motivadores para incentivar a interacción e enfocar a atención”. Ademais, o investigador tamén advertiu que mentres no grupo control “a atención diminuía conforme avanzaban as sesións terapéuticas”, no grupo experimental con avatares personalizados a atención mantíñase constante.

Para Luis Fernando Guerrero, estes resultados demostran que “a personalización baseada no xénero dos avatares e nos intereses restrinxidos permite incrementar a eficiencia dos recursos empregados na interacción social das persoas con TEA e poderían ser utilizados noutras solucións tecnolóxicas”. Neste sentido, engade que todo apunta “a que existe un longo percorrido por diante na investigación en aspectos de personalización de soportes para terapia do TEA como continuación deste traballo”.

Salir de la versión móvil