A exposición de trinta Meninas realizadas polos centros educativos baixo o título de “Flores para as Meninas” que tivo lugar no mercado municipal o pasado sábado co gallo do Corpus de Ponteareas logro superar os 1.000€ de recadación que serán agora doados a proxectos da ONG Avelaíña.
Por iniciativa da concelleira de Ensino, Cristina Fernández, este ano as figuras realizadas polos centros educativos e colectivos sociais de Ponteareas e de toda a área metropolitana recibiron o patrocinio de particulares, empresarios, asociacións culturais e colectivos como BANASTRA ou a FANPO que quixeron amosar o seu compromiso con esta entidade sen ánimo de lucro declarada de utilidade pública e composta por parentes e amigos de persoas con enfermidade mental, coidadores e persoas sensibilizadas ante este problema de saúde, que forma parte da Federación de Asociacións de Familiares e Enfermos Mentais de Galicia (FEAFES Galicia) e a Confederación Española de Agrupacións de Familiares e Enfermos mentais (FEAFES).
En total, a iniciativa recadou 1.050€ que serán destinados ao proxecto “Fisicamente activo e mentalmente saudable” que permitirá a realización de deporte e exercicio físico aos seus usuarios e usuarias para o que precisaban mercar material deportivo e de fitness como balóns ou raquetas que grazas á implicación de todos os patrocinadores farase posible.
Ademais, poderán habilitar a sala de psicomotricidade que tamén aproveitan para outro tipo de talleres completándoa cun proxector, un calefactor, unha radio e altofalantes.
A concelleira Cristina Fernández destaca a actitude solidaria e responsable de todos os patrocinadores que axudan ao financiamento dun servizo tan necesario e demandado que non oferta a seguridade social na nosa comarca e traslada o seu agradecemento a todos os sectores do ensino que fixeron posible esta acción. “O traballo de Avelaíña é indispensable xa que nesta comarca non temos ningún centro público nin privado especializado nestas enfermidades”, explica Fernández.
Pola súa parte, Avelaíña agradece ao concello de Ponteareas a súa axuda e apoio e lembra á veciñanza que o precise que atenden ao público no centro social da rúa Oriente con cita previa en horario de 09:00 a 14:00 horas os luns, mércores e venres. Tódolos interesados en pedir cita poden contactar coa psicóloga Clara Suárez no teléfono 602 21 47 27.