O Concello das Neves vén de decidir manter a instalación do alumeado de Nadal nas rúas do Concello. Nun tempo de debate sobre a conveniencia ou non de manter este tipo de actuacións en plena pandemia, o Goberno municipal aposta pola súa continuidade para "facer máis acolledoras as rúas" e así poder contribuir a "mitigar o efecto negativo que está tendo a actual situación sanitaria". Luz ante a escuridade.
O custe do alumeado será o mesmo de anos anteriores, pero amplíase a área sobre a que se actúa, incluíndo a rúa Rosalía de Castro e a praza de San Agustín. Ademais, este Nadal o alumeado das parroquias estará nos adros das igrexas, substituíndo os arcos de luz anteriores por outros de tipo LED, que supoñen un aforro enerxético e que fará "máis agradable" uns espazos de uso habitual polos veciños e veciñas.
O acendido das luces está programado para a primeira fin de semana de decembro e o horario de permanencia das mesmas será máis reducido que outros anos, apagándose antes da medianoite.