A Concellería de Ensino e Benestar Social vén de realizar distintos traballos de arranxo e mellora en varios centros das Neves cunha inversión superior aos 8.000 euros. A semana pasada remataron as obras de rehabilitación, aviado e instalación do parque da Escola de Educación Infantil de Rubiós, que abrangueron a reposición, reparación e revisión de pezas, pintado de estruturas, recuperación de varanda e substitución de táboas rotas, ademais de aviar os soportais exteriores e renovar as pezas dos baños por un importe total de 4.186,80 euros. O parque, situado a carón da nova Casa da Música, está aberto para uso de todas as veciñas e veciños da parroquia e nos vindeiros meses o Concello orzamentará a habilitación dun novo “patio interior” na propia escola.
Do mesmo xeito, os próximos días, coincidindo coa aumento da matrícula na Escola Infantil de Taboexa, o Concello realizará a instalación da calefacción logo de que se habilitase a segunda aula. O orzamento para este traballo superará os 1.500 euros.
Nas últimas semanas, As Neves rematou na Galiña Azul a colocación do valado arredor do xardín, cunhas contas que superaron os 600 euros e nos que xa empezaron os traballos para situar o novo centro na antiga casa do conserxe do colexio.
Esta nova escola, prevista para acoller en principio a 20 nenas e nenos, terá unha superficie de máis de 160 metros cadrados e disporá dunha parcela de máis de 400. Esta actuación estará cofinanciada pola Xunta de Galicia.
O custe total da mesma será duns 300.000 euros dos que a administración galega aportará 225.000, o 75%, e o Concello das Neves abonará os 75.000 euros restantes, o que supón un 25% da inversión.
Por outra banda, ao longo do verán e aproveitando as vacacións escolares, o Concello das Neves levou a cabo distintas melloras e arranxos no CEIP Pazo da Mecé, fundamentalmente na instalación eléctrica, espazo deportivos, ademais da retirada de distintos materiais para o punto limpo.
A concelleira de Ensino, Pilar González Casas, agarda poder manter unha xuntanza co xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, a cal xa se ten solicitado en dúas ocasións, para expoñerlle a necesidade de acometer o cambio de fiestras e persianas, “que son as mesmas que na súa inauguración hai máis de 30 anos” e que atópanse en moi mal estado.