As universidades españolas reafirman en Vigo o seu compromiso coa diversidade sexual e de xénero

Publicidad

Representantes dunha trintena de universidades españolas déronse cita en Vigo esta semana para avanzar na protección dos dereitos e no compromiso coa diversidade cultural, sexual e de xénero. Fixérono no marco da cuarta edición do encontro da Red de Universidades pola Diversidade (RUD), o órgano de confluencia e representación do conxunto de universidades españolas en materia de diversidade sexual e de xénero (orientación sexual, diversidade corporal, afectiva, identidade de xénero e expresión de xénero) e diversidade por procedencia, cultura, crenza e afíns. Este organismo, que naceu en 2021, ten como finalidade adoptar as medidas necesarias para garantir que os espazos universitarios sexan seguros e libres de discriminación.

No encontro, que se celebrou onte xoves e hoxe venres no edificio Redeiras, participaron 30 representantes de 27 universidades de todo o Estado, dende responsables de unidades de igualdade e de oficinas de atención á diversidade, a vicerreitores, delegados do reitor, coordinadores de responsabilidade social, docentes, investigadores e técnicos. Ao longo das dúas xornadas, o obxectivo de todas e todos eles era traballar conxuntamente tendo en conta os marcos lexislativos de aplicación en cada comunidade autónoma, para xerar políticas e accións comúns que permitan superar os obstáculos que dificultan ou impiden a igualdade de trato e de oportunidades dos membros da comunidade universitaria. Ademais, tamén tiveron lugar diversos grupos de traballo das comisións de comunicación, sensibilización, loxística e relacións institucionais e debatéronse contidos relacionados coa lexislación estatal en materia de inclusión e diversidade e a súa aplicación nas universidades, así como a adaptación destas normativas ás realidades de cada unha das comunidades autónomas. Hoxe venres concluíron as xornadas coa celebración da asemblea xeral da RUD.

En palabras da vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, a Universidade de Vigo “síntese moi honrada de ser a anfitrioa deste IV encontro da RUD, que supón unha manifestación da aposta das universidades pola defensa da igualdade real e efectiva de todas as diversidades”. Esta cita converteu así o edificio Redeiras “nun espazo de debate sobre as respectivas experiencias, boas prácticas e de novos proxectos de aplicación que melloren todos os aspectos da diversidade”. Precisamente, tras a reestruturación do equipo de goberno da UVigo a pasada semana, as competencias relativas a diversidade lle corresponden agora á vicerreitoría de Extensión Universitaria, en principio mentres non se cree a Unidade de Diversidade, que dependerá directamente do reitor, Manuel Reigosa, como actualmente sucede coa Unidade de Igualdade. A posta en marcha desa nova oficina é unha aposta institucional estratéxica, como remarcou o reitor na sesión de Consello de Goberno de onte xoves, na que salientou que ambas unidades (Igualdade e Diversidade) traballarán no futuro de xeito coordinado.

40 institucións cun obxectivo común

A Rede de Universidades pola Diversidade é unha entidade de recente creación, que celebrou o seu primeiro encontro en Valencia en 2021. Tras pasar posteriormente por Madrid e por Alacante e Elx, as e os seus membros reuníronse estes días por primeira vez no norte de España. Na actualidade, a rede está composta por 40 institucións académicas que se fixaron como obxectivo compartir coñecementos, recursos e boas prácticas relacionadas coa diversidade afectivo-sexual e de xénero, familiar, étnico-cultural e relixiosa e xerar políticas e accións comúns para superar obstáculos que dificultan a igualdade de trato e oportunidades na comunidade universitaria. Para isto, as universidades socias deseñan políticas e accións comúns a favor da igualdade, elaboran informes e propostas relacionadas coa diversidade no ámbito universitario, tanto a iniciativa propia como a petición da CRUE, de ministerios, consellerías ou órganos e entidades de similar condición e, ao tempo, promoven actividades de información e concienciación e establecen vínculos con outras entidades con sensibilidade nestes eidos.

Salir de la versión móvil