O Coliseum da Coruña acolleu estes venres o acto de recoñecemento que as tres universidades públicas galegas ofreceron ao alumnado cos mellores expedientes académicos nas Probas Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU) 2024.
Dos 13.000 estudantes que se presentaron á convocatoria ordinaria deste curso académico, 1086 alumnos e alumnas acadaron un nota de 9 ou superior, un 66% son mozas e un 34% mozos. Eles e elas foron os protagonistas deste evento, que cada ano organizará unha das universidades galegas, e que nesta ocasión congregou na Coruña 4000 persoas, entre estudantado, familiares, e autoridades, ademais de persoal voluntario da Universidade da Coruña que colaborou na organización do evento.
O acto contou coa asistencia do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez; a alcaldesa da Coruña, Inés Rey; e os reitores das tres universidades públicas galegas: Ricardo Cao, reitor da UDC, institución anfitrioa este ano; Manuel Reigosa, da UVigo e Antonio López, reitor da USC.
Froito do traballo e do esforzo de anos
O reitor da UDC, Ricardo Cao, felicitou o alumnado homenaxeado nun acto que “quere ser un recoñecemento ao voso esforzo e traballo realizado nos últimos meses.” Agora, subliñou, “iniciades unha nova etapa, gran parte farao elixindo estudos superiores universitarios, un período cheo de aprendizaxe e crecemento, tamén de ilusións e emocións e no que as universidades públicas, como somos as tres que integramos o Sistema Universitario de Galicia (SUG), xogamos un papel fundamental no voso desenvolvemento persoal e profesional, o das futuras xeracións”. Cao aproveitou este evento para animalos a participar e integrarse na vida dos campus, a través de asociacións e clubs cos que contan as universidades, porque, dixo, “isto abriravos novas experiencias que vos enriquecerán como persoas, e tamén dotarán ás universidades dunha maior riqueza”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, puxo en valor “o talento extraordinario e o traballo que durante tantos anos fixeron familias, docentes e alumnado”. Seguro -engadiu- que “este talento estará repartido en todos os ámbitos académicos e científicos. Haberá xente moi boa no humanístico, no xurídico e social, tamén no tecnolóxico e por suposto no científico. É certo que as modas van mudando e iso fai que as notas de entrada nalgunhas titulacións sexan elevadísimas, por exemplo nas novas titulacións tecnolóxicas.”
Para o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, este acto de recoñecemento “é un xesto simbólico necesario para quen tendes dedicado a vosa enerxía en facer un traballo excelente, con constancia e con responsabilidade, mirando máis alá do momento presente, porque o voso resultado hoxe ábrevos as portas do futuro”. Para nós, como universidades, é un acto que nos reconforta porque “sodes a xeración que tomará o relevo e que seguirá facendo crecer a comunidade universitaria” engadiu.
Igualmente “sodes un símbolo de unión” engadiu o reitor da USC, porque, “se ben este acto xurdiu no seu día como unha iniciativa da USC, hoxe é un proxecto compartido polas tres universidades públicas galegas, co que vos abrimos as portas das que serán as vosas casas os vindeiros anos”.
A primeira xeración que poderá cursar de balde un grao en España
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, tamén tivo unhas palabras para as e os mozos, aos que animou continuar formándose nas universidades públicas galegas, que destacan “pola ampla e variada oferta de titulacións, pola súa calidade académica e que, ademais, a partir do próximo curso será gratuíta por primeira vez, co que avanzamos un novo chanzo no apoio aos estudantes e ás súas familias”. Serán, afirmou, “a primeira xeración que poida realizar integramente un grao universitario de balde en España”. Rodríguez gabou o “sacrificio, dedicación, esforzo e constancia” dos estudantes, así como o “apoio imprescindible e a transmisión de valores” das súas familias para acadar “un rendemento académico de excelencia que é un orgullo para Galicia”.
No acto interveu tamén Inés Rey, alcaldesa da Coruña, que destacou o exemplo amosado polas mozas e mozos galardoados, pois “tedes transmitido o importante que é, precisamente, valorar ese camiño, o da cultura do esforzo académico e o traballo duro. E ese esforzo, esa capacidade que vos levou a onde estades agora, é algo que, se o mantedes, seguiravos achegando ás vosas metas, aos vosos soños”. Engadía, que cando se di que “sodes o futuro, non o dicimos como unha frase baleira”, senón porque, chegado o momento, cada unha das rapazas e rapaces que hoxe estades aquí seredes unha referencia á que ollarán as nenas e nenos das vindeiras xeracións. E inspirar -engadiu- e axudar aos demais a ser mellores, tanto en termos persoais como profesionais, é algo alentador”. Logo da homenaxe recibida, estudantes e familiares asistiron á actuación da banda galega The Rapants.