Así é o mapa do medo en Vigo: rúas nas que as mulleres sofren acoso

Publicidad

“Hai un ano no camiño da Seara de Vigo, un home borracho, duns 50 anos e bastante desaliñado, viña detrás de min e empezou a gritarme 'morena espera'. Eu xa simplemente corrín porque tiña medo e o home viu correndo detrás dicindo que quería 'lamberme a cona'. Isto durou ata que terminei o calello e me metín no primeiro bar que vin”. Esta narración non corresponde a unha novela de terror, nin a unha recreación ficticia. Sucedeu nas rúas de Vigo. Agora, unha iniciativa da pontevedresa Jessyca Ocampo, o mapa do medo, busca plasmar nun mapa os testemuños das mulleres que sufriron acoso nas rúas das cidades, especialmente durante a noite.

O "mapa do medo” recolle ducias de experiencias ás que moitas veces teñen que facer fronte as mulleres. Feitos polos que os homes non acostuman pasar e que acotío están invisibilizados na sociedade.

No caso da cidade olívica, estas agresións non teñen lugar en rúas remotas ou afastadas do centro urbano. A avenida de Madrid, Gran Vía, Urzáiz, López Mora ou García Barbón son algúns dos puntos nos que moitas mulleres tiveron que soportar diferentes tipos de vexacións.

En Vigo son 14 os relatos, en toda Galicia o “Mapa do medo” suma xa máis dun centenar de historias propias nos que mulleres de todas as idades dan conta das súas experiencias cos agresores. Moitos, auténticos depredadores sexuais. Isto en soamente un par de semanas.

O mapa da pontevedresa Jessyca Ocampo naceu dentro dun proxecto nos seus estudos de fotografía na EASD Mestre Mateo de Santiago de Compostela. Así, o que nun comezo arrancou coma algo entre un pequeno círculo de amizades, pronto deu o salto a toda Galicia.

“A miña profesora faloume dos mapas do medo, que recollen as agresións machistas ás mulleres na rúa dentro do proxecto ‘chega de fiu fiu’ da organización feminista OLGA e pareceume que encaixaba á perfección no meu proxecto, polo que comecei a pedir nas redes sociais testemuños", explica a pontevedresa. O crecemento da plataforma foi explosivo e dende o 18 de xaneiro recolleu máis de 150 casos de acoso en toda Galicia e sumou máis de 56.000 visitas. Nos últimos días o proxecto abriuse a Madrid, Salamanca e Asturias.


Pode interesarche: Así funciona o sistema de parada "a demanda" antiacoso nos Vitrasa


A propia promotora da ferramenta asegura estar “impresionada” coa recepción desta ferramenta que permite visibilizar actitudes que acotío están normalizadas na sociedade. “Espero que permita que moitos homes que cometen algún tipo de actitude deste tipo se dean de conta que están violentando a outras persoas e non o repitan”, asegura Ocampo.

O certo, é que habitualmente moitos homes non son conscientes do acoso que viven as mulleres nas rúas. Segundo datos da propia estudante a través de enquisas realizadas a outros compañeiros, o 60% descoñecía o sentimento de medo que poden chegar a sentir as mulleres cando se atopan na rúa. Pero moitas das “confesións” relatan tamén a falta de comunicación e o sentimento de culpa que senten as mulleres ao ser acosadas.

Existe un patrón? “Hai varios casos en Vigo de homes maiores en paradas de autobuses que soen facer ás preguntas moi incómodas e subidas de ton. Non me esperaba que nese rango de idade, a partir dos cincuenta e pico anos fixeran iso. Pero tamén hai mozos que fan o mesmo”, relata.

Toda as persoas que queiran denunciar a súas experiencias poden facelo a través do correo electrónico mapadomedo@gmail.com e tamén a través da páxina de Facebook da iniciativa. “Parece que non é nada común, pero non é así. Pasa todos os días. Debemos andar libres a calquera hora, como nos dea a gana, como nos pete”, sentencia Ocampo. Por isto, iniciativas como esta son máis necesarias que nunca.

Salir de la versión móvil