atlanTTic celebrará a vindeira semana 15 anos impulsando a innovación en telecomunicacións

O Centro de Investigación en Tecnoloxías de Telecomunicación da Universidade de Vigo, atlanTTic, cumpre este ano o seu 15º aniversario, consolidado como un referente na investigación e transferencia de coñecemento en ámbitos estratéxicos como as comunicacións, os servizos dixitais e a ciberseguridade.

Para celebralo organizaron para a vindeira semana diferentes actividades. O primeiro será un acto institucional, o xoves 20, que reunirá autoridades académicas e políticas, así como representantes de empresas do sector e persoal que forma parte do centro, nun encontro destinado a poñer en valor o papel clave da investigación en telecomunicacións no desenvolvemento económico e social de Galicia. Será no Tinglado do Porto de Vigo.

Quince anos de avance científico e tecnolóxico

A andaina de atlanTTic comezou en 2010 co obxectivo de impulsar o avance da sociedade mediante investigación de excelencia e transferencia de coñecemento en áreas clave para a transformación dixital. Hoxe, quince anos despois, o centro é referente na Rede Cigus da Xunta de Galicia, reúne máis de 200 profesionais e consolídase como un dos polos científicos e tecnolóxicos máis relevantes do ámbito galego e estatal.

Nesta liña, o director de atlanTTic, Martín Llamas Nistal, subliña que “desde o centro queremos lembrar que a investigación non é algo abstracto ou afastado: está aí, transformando silenciosamente o presente e construíndo o futuro. Queremos seguir deseñando ese futuro desde Galicia, conectando o talento, a innovación, o ecosistema de I+D e a sociedade».

Un motor para o ecosistema tecnolóxico galego

Ao longo destes 15 anos, atlanTTic contribuíu de forma decisiva a situar Galicia na vangarda da innovación, impulsando proxectos e infraestruturas punteiras como o Vigo Quantum Communication Center (VQCC) ou a futura fábrica de semicondutores SPARC, que reforzan o liderado da comunidade en ámbitos como a fotónica integrada ou as tecnoloxías cuánticas.

O seu persoal investigador destaca en áreas como as comunicacións B5G e 6G, a fotónica integrada, a intelixencia artificial, o procesamento de linguaxe natural, as tecnoloxías aeroespaciais, a ciberseguridade ou as tecnoloxías cuánticas, desenvolvendo proxectos con impacto directo na industria e no día a día das persoas.

O compromiso coa transferencia reflíctese tamén na creación dun ecosistema emprendedor robusto, con cinco empresas derivadas (spin-offs) activas —entre elas, Alén Space, integrada hoxe no grupo GMV— que en 2024 superaron conxuntamente os cinco millóns de euros de facturación. Entre 2020 e 2024, o centro mobilizou 11,8 millóns en contratos e convenios con empresas e 39,8 millóns en financiamento competitivo, que o consolidan como o centro líder da UVigo na captación de fondos e na transferencia ao tecido produtivo.

O venres 21 ‘atlanTTic sae á rúa’

Ao día seguinte desta celebración, o venres 21, celebrarase tamén a oitava edición da súa xornada de portas abertas, Conecta con atlanTTic, que por primeira vez terá lugar no Tinglado do Porto de Vigo.

Baixo o lema Está aí, pero non o ves, a actividade convida a descubrir a ciencia que permanece oculta pero que fai posible a tecnoloxía que usamos cada día. Pola mañá, de 10:00 a 13:00 horas, desenvolveranse actividades dirixidas a centros escolares, e pola tarde, de 16.00 a 19.00 horas, a xornada abrirase ao público xeral. A entrada é de balde, con inscrición previa a través da web de atlanTTic.

Durante toda a xornada, investigadores e investigadoras do centro amosarán de maneira amena e participativa os seus últimos avances en tecnoloxías de telecomunicación, con demostracións e experiencias interactivas. O público poderá ver en funcionamento un dron con conectividade 5G, o robot cuadrúpede Santi, maquetas de nanosatélites e proxectos de comunicacións cuánticas, fotónica ou intelixencia artificial.

“En conxunto, falamos dunha mostra que permitirá descubrir como a investigación feita en Galicia impulsa o futuro das telecomunicacións. É unha oportunidade única para coñecer de preto como a ciencia que se fai en atlanTTic transforma o noso día a día”, destaca Llamas.

Salir de la versión móvil