O Parador de Baiona acollerá dende este mércores ata o vindeiro venres a segunda edición do Blue Atlantic Forum, organizado polo Concello de Baiona. Serán tres días de reflexión e análise centrados en tres sectores de vital importancia na economía azul e claves para o desenvolvemento sostible de Galicia: a pesca e a acuicultura, a biotecnoloxía mariña e o turismo costeiro. Tras o éxito da primeira edición celebrada en novembro pasado, ducias de profesionais e expertos de toda Galicia e tamén doutras zonas costeiras como Canarias, Cataluña, País Vasco, Baleares ou Murcia e mesmo doutros países como Portugal ou Chile reúnense en Baiona neste foro de debate e posta en común sobre as oportunidades arredor da economía azul desde unha perspectiva atlántico-europea.
Este mércores as xornadas arrancarán coa inauguración do foro coa presencia do alcalde de Baiona, Carlos Gómez, quen dará a benvida aos participantes; Silvia Solís Reyes, subdirectora xeral de sostenibilidade económica e asuntos sociais da secretaría de Pesca, dependente do MAPA, Susana Rodríguez, directora xeral de desenvolvemento pesqueiro da Xunta de Galicia e Iria Lamas, deputada de transición ecolóxica e medio ambiente da Deputación de Pontevedra.
Na primeira xornada do foro analizarase a sustentabilidade e o futuro do sector da pesca, con especial atención na pesca artesanal. A certificación do peixe para reforzar a súa calidade e as posibilidades de financiamento de proxectos pesqueiros neste marco tamén se tratarán neste encontro no que participarán produtores e representantes de organizacións do sector.
O foro está aberto e a inscrición para seguilo tanto presencialmente como online é gratuíta para os interesados, que poden inscribirse a través de Ataquilla, xa que as prazas para acudir ao Parador son limitadas. Toda a información sobre o contido e o programa do foro pódese atopar na páxina web https://blueatlanticforum.org/.