O Concello de Baiona pon en marcha unha campaña de compostaxe domiciliaria para promover a reciclaxe da fracción orgánica dos residuos en orixe. Así, repartiranse composteiros de forma gratuíta entre os veciños e veciñas para que poidan elaborar compost, aproveitando os biorresiduos domésticos.
As accións de difusión iniciáronse este luns coa instalación dun posto informativo no Mercado de Sabarís que marca o inicio deste programa. “As persoas que queiran participar recibirán información sobre a técnica de autocompostaxe e deberán inscribirse previamente para, nunha segunda fase, proceder a seleccionar aos participantes e tamén entregarlles os medios materiais”, explica o alcalde de Baiona, Carlos Gómez.
O rexedor local apuntou que xa están programadas as xornadas de difusión que se levarán a cabo para esta campaña co fin de sensibilizar á poboación sobre a importancia e as vantaxes da compostaxe domiciliaria. Gómez Prado explica que un dos obxectivos desta campaña é procurar unha saída aos residuos orgánicos que se xeran nos fogares e, tamén, evitar que a xente tire restos vexetais ou de podas nos contedores municipais ou na propia vía pública.
Todos aqueles veciños e veciñas interesados en participar no marco do programa /poderán realizar a solicitude do composteiro individual a través da páxina web do Concello de Baiona (clic aquí).