Baiona rende homenaxe a sanitarios e voluntarios de Protección Civil polo seu traballo na pandemia

Publicidad

Os xardíns da Biblioteca Pública Municipal de Baiona acolleron este sábado un emotivo acto de homenaxe ao persoal sanitario e os voluntarios e voluntarias de Protección Civil do Val Miñor.

O grupo de fusión de arte do Val Miñor “Solaina” integrado por Soledad García, Laine Villero e Natalia Guisande , presentaron o seu novo proxecto PoemarCovida co Concello de Baiona, unha mestura de poesía, pintura e deseño, para facer unha homenaxe ao persoal sanitario do Val Miñor e deixar constancia no entorno máis local da situación vivida, “pois a cultura non é allea ao que sucede”.

As artistas inundaron de poesía, pintura e deseño os xardíns da Biblioteca. A escritora Soledad García realizou o recital poético, amenizado polo guitarrista Pablo Prego do centro de música Gain Over. Un recital que foi o fío condutor que formou parte do acto de homenaxe.

Entre os asistentes atopábase Iago Pereira, presidente de Protección Civil Val Miñor, e Pilar Covas, médica e coordinadora do Centro de Saúde do Val Miñor. Ambos compartiron a súa experiencia durante os peores momentos da pandemia e o día a día dos seus colectivos ante unha situación sanitaria que nunca viviramos neste século.

Pola súa parte, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, pechou a quenda de intervencións cun discurso no que agradeceu a ambos colectivos o seu traballo durante os anos difíciles de pandemia. O rexedor tamén tivo unhas palabras para as vítimas que perderan a vida. “O meu recoñecemento a ambos colectivos esténdese máis aló dese gran labor iniciado fai máis de dous ano, cando empezaron a batallar contra este virus, o meu recoñecemento é tamén ao seu labor diario. Brillaron polo seu xestos e polos feitos. Así que hoxe é o momento de agradecer o traballo que cada un destes especialistas realizaron. Hoxe é un día especial, o día de recoñecer o traballo ben feito, un día para compartir o recordo e tervos presentes a todas e todos, os que están e os que sufriron a máis dura das consecuencias desta dura pandemia. Un recordo para todas esas vítimas que perderon a vida e tamén para todas as que padecen as  secuelas da desta enfermidade”, expresou.

Entre as persoas asistentes ao acto de homenaxe estaban representantes dos distintos Centros de Saúde do Val Miñor, voluntarios e voluntarias de Protección Civil, membros da Corporación do Concello de Baiona e representantes de distintas asociacións baionesas.

Salir de la versión móvil