O vindeiro martes 19 de maio, o Concello de Baiona procederá á distribución de máis de 15.000 máscaras de protección entre a cidadanía para que conten coa protección necesaria á hora de saír as rúas. Ás máscaras cirúrxicas homologadas adquiridas polo Concello, engadiranse outras realizadas por persoas voluntarias, máscaras que para o seu posterior uso, foron sometidas a un proceso de esterilización.
Para unha mellor e máis doada distribución –que será realizada por persoal de Protección Civil do Val Miñor e persoas voluntarias– e evitar aglomeracións de veciños e veciñas, o Goberno local estableceu sete puntos de reparto que funcionarán, todos eles, entre as 10:00 e 13:00 horas e as 17:00 horas e as 20:00 horas ou ata rematar as existencias.
Baiona contará con dous deses puntos que quedarán situados no parque ‘Os Tendais’ e na praza da Froita (praza Pedro de Castro). Outros dous lugares de distribución instalaranse en Sabarís, concretamente na Praza de Victoria Cadaval e na Avenida de Sabarís. Pola súa banda Baíña e Baredo contarán cun punto de distribución cadanseu que estarán instalados nos respectivos centros culturais. Finalmente Belesar terá outro centro de distribución na zona do cemiterio.
O Concello de Baiona realizou o pedido das máscaras hai un mes con antelación suficiente para que estiveran ao dispor da cidadanía “agora que é cando son precisas e non antes, cunha situación estrita de confinamento” explica o alcalde, Carlos Gómez.
En todo caso, o rexedor local segue facendo un chamamento “á prudencia e á responsabilidade” xa que, aínda que con medidas máis relaxadas, “a crise sanitaria provocada pola COVID-19 e o perigo de contaxio seguen aí”.
Nestas circunstancias, engade Gómez, “é cando máis precavidos e coidadosos debemos ser para poder seguir avanzando nas fases da desescalada e evitar un retroceso de imprevisibles consecuencias sociais e económicas”.
As máscaras contribúen a unha mellor protección, pero a forma máis efectiva de atallar o virus “son as medidas de prevención que todos e todas deberemos adoptar dentro da nosa responsabilidade persoal”, finaliza o rexedor local.