Batalla entre mundos fantásticos no enfrontamento entre os barrios de Castro Barreiro e A Feira

Publicidad

Volveu con toda a súa esencia o centenario enfrontamento de Salceda de Caselas entre os barrios de  Castro Barreiro e A Feira. Aló quedaron as máscaras na cara, o medo á Covid-19 ou as distancias de seguridade. O centro urbano tornouse encher de milleiros de persoas que non quixeron perderse esta batalla simbólica para ver que barrio presentaba a mellor comparsa do Entroido salcedense. E fixeron ben en achegarse ao municipio da Louriña.

Volveu tamén, aínda que esta tradición non sexa tan ben vista, a choiva, que como cada martes de Entroido, aparece dun xeito ou doutro para darlle un toque máis de emoción ao evento -como se non tiveran abondo as organizacións destes espectáculos- pero este ano quixo respetar o enfrontamento e, antes de que aparecese a primeira comparsa, parou.

Seguindo a tradición de alternarse na presentación no centro da vila, era a quenda do barrio de Castro Barreiro de aparecer primeiro nas rúas que levan ata a Praza do Concello de Salceda. Unha furgoneta de Amazon abría a comitiva facendo un gran "spoiler" da temática do barrio contrincante. "Tranquila Feiriña, que xa vos envíamos nós os disfraces, non vos preocupades, hai paquetes para todos", mofábanse os integrantes de Castro Barreiro.

Comezaba a comparsa deste barrio amosando con creces a súa temática: o mundo máxico de Harry Potter. Aparecían primeiro algunhas personaxes malvadas da saga: mortífagos - seguidores de Lord Voldemort- que conducían unha serpe xigante de máis de 10 metros de longo, en referencia á personaxe de Nagini. A carroza estaba ambientada con personaxes coma o malvado Voldemort, a mascota de Harry Potter, Hedwig, un hipogrifo branco e mesmo o elfo Dobby quen levaba na man un libro de "Conxuros para vencer á Feiriña". O colorido dourado e granate, en referencia ás cores da casa Griffindor de Hogwarts,  predominaba no resto das bailarinas e bailaríns que compoñían a comparsa. Non faltaban os detalles dos escudos, da simboloxía da saga e accesorios de todo tipo que forman parte do universo máxico de Harry Potter, mesmo as varas máxicas, con iluminación incluída, chamaban a atención do público presente.

A música en directo de Castro Barreiro estivo protagonizada por temas tan recoñecidos neste ano como "Despechá" de Rosalía ou "La Bachata" de Manuel Turizo e outros quizáis non tan "mainstream" como "Solo vivir" de Skalariak.

Era a quenda do barrio de A Feira. A súa temática escollida para este ano foi o país das maravillas de Alicia. Comezaban a súa comitiva cun séquito de cartas vermellas acompañadas dun gran Galimatazo, unha quimera entre dragón, peixe e insecto con ás co que a protagonista combate na saga. O barrio de A Feira presumiu de número de participante cativos no seguinte bloque da comparsa antes de presentara súa carroza . Neste bloque, as personaxes protagonsitas eran as ratiñas e os coellos, dándolle un gran toque de colorido en vermellos á comparsa. A carroza mostraba unha gran árbore onde sobresaía un logrado Gato de Cheshire, o coello que guía Alicia ata o mundo das maravillas- desta vez rosa-  e o sombrereiro tolo. A comitiva continuaba con varios bloques de disfraces cheos de colorido e contrastados formados por raiñas vermellas, sombrereiros e cartas da baralla de póker.

Pola súa banda, os músicos de A Feira apostaron por un repertorio moi coñecido polo público como son as últimas sesións do productor Bizarrap en colaboración con Quevedo e Shakira ou "Índigo" de Camilo, entre outras.

Non faltaron as mofas por ambas as dúas partes, as directas e non tan directas, pero sobre todo, a enerxía e as ganas de celebrar este Entroido por todo o alto.

Pregunten a membros dun barrio ou doutro, dirán que eles mesmos foron mellores. Quen dos dous barrios é o vencedor? Decida vostede.

GALERIA DE FOTOS

(Si no puedes ver la galería haz clic aquí)

Salir de la versión móvil