A Deputación de Pontevedra proxecta a posibilidade de empregar biomasa forestal en desuso nos montes da provincia no seu programa de compostaxe "Revitaliza". O obxectivo é cotribuirá limpeza dos montes reducindo a posibilidade de propagación dos incendios. Según sinalou hoxe o asesor de residuos da administración provincial, Carlos Pérez, poderíase chegar a aproveitar até 60.000 toneladas.
A necesidade de material leñoso (estruturante) que se necesita na compostaxe estase a cubrir a día de hoxe coa poda de arborado urbano e de elementos privados, mais “poderíase afectar a masa forestal de cada concello sen entrar en competencia co negocio da biomasa madeirable”. Deste xeito minguaría a posibilidade de propagración do lume, xa que se detraería material do monte potencialmente perigoso para arder.
Na provincia de Pontevedra a fracción orgánica dos residuos municipais de máis dun terzo da poboación podería ser tratada por medio de composteiros individuais, outro terzo a través de centros de compostaxe comunitaria, e outra décima parte por pequenas plantas comarcais, chegando a poder tratar no local ou no próximo os biorresiduos de máis do 80% da poboación.
Tendo isto en conta, e extrapolando os datos de produción de lixo orgánico de 2019, anualmente poderían chegar a tratarse mediante a compostaxe do programa Revitaliza ata 144.000 toneladas de biorresiduos domésticos na provincia. Este volumen de orgánicos precisaría da orde de 60.000 toneladas de triturado de material leñoso residual para poder iniciar o proceso de compostaxe.
“O Revitaliza é un potencial aliado contra os lumes forestais”, subliñou, explicando así mesmo que é preciso analizar fondamente de que maneira se podería establecer a simbiose a través das administracións, xa que só o 2% da extensión forestal galega é pública, o 32% está en ‘man común’ e o 65% é privada.
Pérez puxo todos estes datos sobre a mesa na xornada de ‘Presentación de ferramentas de avaliación do recurso forestal e plans municipais de defensa contra incendios’ organizada ao abeiro do proxecto GEFRECON de ‘Xestión Forestal conxunta para prevención de icendios forestais en territorio POCTEP’, cofinanciado con fondos europeos a través do programa Interreg V-A España-Portugal.
Segundo explicaron dende a organización, as xornadas do proxecto GEFRECON tiñan como obxectivo “poñer en marcha accións innovadoras que permitan reducir o risco de incendios forestais mediante o desenvolvemento e implementación de plans conxuntos, a sensibilización da poboación, a información e formación en autoprotección e a promoción da creación de empresas forestais”, un eido no que incluíron ao Revitaliza.
Estas xornadas do Instituto Tecnolóxico de Galicia e a Asociación Forestal Galega volverán repetirse en formato online cos mesmos relatores de hoxe o vindeiro venres 27 e o luns día 30 de 10:00 a 11:45 horas. A inscrición é gratuíta e pode formalizarse nesta ligazón.