O BNG de Vigo reclamou o cesamento do delegado territorial da Consellería de Educación, César Pérez Ares, tras as manifestacións nas que descualificaba a Foanpas acusando as familias de “facer política cos comedores”. O concelleiro, Xabier P. Igrexas, considerou “impresentábeis” as declaracións do Delegado de Educación e defendeu que “o inhabilitan para seguir nese cargo precisamente nun momento crítico como este inicio de curso”.
O portavoz municipal nacionalista criticou con dureza o desempeño de Pérez Ares asegurando que “durante semanas dedicouse a desatender as demandas da comunidade educativa, e especialmente das ANPAs, que só procuraban garantir un inicio de curso nas mellores condicións e coas máximas garantías sanitarias”. Igrexas lembrou que o Delegado “mentiu escandalosamente” días atrás cando asegurou ter atinxido un acordo con Foanpas que non se producira.
“En lugar de descualificar a Foanpas e insultar as familias viguesas, o que debera facer o señor Pérez Ares é explicar porque dixo non unha e outra vez cando se lle pediron máis medios humanos e materiais, e que a Xunta asumise a súa responsabilidade, para poder iniciar o curso e poñer en marcha comedores e aulas matinais”, esixiu.
O portavoz municipal nacionalista demandou de maneira rotunda o relevo de Ares. “Agardamos que nas próximas horas a Consellaría de Educación comunique o seu cesamento, porque o Delegado converteuse en parte do problema e nun atranco para lograr solucións”, afirmou.
Desde a fronte nacionalista reiteran o seu “total apoio” a Foanpas e as súas “xustas reivindicacións”, e insisten en reclamar que a Xunta dialogue coa comunidade educativa para garantir as condicións necesarias para o inicio presencial do curso escolar. Condicións que para Igrexas “é claro que a día de hoxe non se dan pola irresponsabilidade da Xunta de Feixóo”.