A xa eurodeputada do BNG Ana Miranda ofreceu este martes a súa primeira rolda de prensa tras acreditarse para ocupar o escano no grupo da Verdes-Alianza Libre Europea, o que lle permitirá estar ata final de lexislatura con "voz, voto e veto", como ela mesma lembrou ás preguntas formuladas nun encontro coa prensa.
Arroupada pola portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, Miranda explicou o "orgullo" de "ser a voz de Galicia en Europa" e comprometeuse a ser o "escano de Galicia" e "representante de todos os galegos", con prioridades como os sectores produtivos. De feito, destacou que un dos cambios deste "aumento de poder do BNG" é que pasa a ser titular na Comisión de Pesca.
A eurodeputada nacionalista, que tivo un recordo emotivo para o seu pai e nai falecidos os dous nos últimos anos, remarcou o BNG ten como obxectivo "mellorar a vida das persoas", diminuír as desigualdades e, en definitiva, "deixar un mundo mellor". Miranda destacou que continúa o labor que se iniciou con Camilo Nogueira como primeiro eurodeputado do Bloque en 1999 e, neste sentido, ratificou o seu rexeitamento ao modelo de Unión Europea, para reclamar unha Europa "máis social" e que "contemple as loitas dos pobos".
A política nacionalista, nada en Cuntis (Pontevedra) e logo afincada en Vigo, afirmou que o escano galego -avalado co "recoñecemento" en Europa de "Galicia como nación" e do que toma a substitución do parlamentario de Bildu Pernando Barrena-, empregarase tamén para levar a cabo "un control exhaustivo dos fondos europeos".
"Máis peso político"
Pola súa banda, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, referiuse ao contexto de crise de prezos no que Miranda asume o escano para proclamar que, con iso, "non gaña o BNG un escano, senón Galicia vai ter máis peso político" cunha "voz libre para defender os intereses dos galegos".
Desta forma, remarcou que o de Miranda é o escano "da pesca galega, dos gandeiros, dos prezos xustos e de poder seguir producindo, do trato xusto a Galicia, de loita contra o cambio climático e para frear o boom eólico depredador, para defender as liberdades e a xustiza social, os dereitos nacionais e sociais dos pobos".
Pontón destacou que "non empeza" o seu traballo a partir de agora, senón que agora contará con "máis impulso". Neste sentido, reivindicou o traballo desenvolvido por Ana Miranda, como para que se "coñeza a verdade" do accidente do Alvia ou para impedir que se prohibise a pesca coa arte do xeito, así como para que se tivese en conta o despoboamento na repartición de fondos europeos ou na declaración "contra o neofranquismo".
Pola súa banda, Pontón, ao ser preguntada polo conflito derivado da escaseza de gas e a posibilidade de intervención pública, respondeu a enerxía ten que ter unha "función social" e reclamou "compensacións" para os territorios que producen electricidade, como Galicia -que produce máis da que consome- polo "impacto social e ambiental" que conleva esta produción.