O BNG Vigo inicia no Calvario unha rolda de encontros que chegará a todos os barrios e parroquias

Publicidad

O Bloque Nacionalista Galego iniciou esta tarde no Calvario unha rolda de encontros abertos coa veciñanza e o tecido asociativo que nas vindeiras semanas desenvolverán en todos os barrios e parroquias de Vigo.

Estas xuntanzas, nas que participará o actual portavoz municipal e candidato á alcaldía, Xabier P. Igrexas, pretenden ser "unha posta en común coa que sumar ideas para definirmos entre todas e todos un proxecto de cidade que leve a Vigo máis alá", aludindo ao lema de precampaña da fronte nacionalista.

"Fronte á xordeira autoritaria do actual Goberno municipal, o BNG queremos abrir un tempo novo na cidade, reseteando en positivo Vigo, escoitando e dialogando, recollendo propostas e suxestións, pero tamén sometendo o noso traballo e a nosa alternativa á crítica e ao xuízo da propia veciñanza e do tecido asociativo”, explicou Igrexas na súa intervención de apertura.

O candidato nacionalista subliñou que “sen participación non hai democracia real”. “Democracia é moito máis que votar cada catro anos. É darlle a posibilidade á veciñanza de participar, de verdade, na toma de decisións, sabendo que facer cidade é tarefa de todas e de todos”, defendeu.

Estes encontros forman parte das primeiras fases do “proceso amplo e ambicioso” co que o BNG está xa a abordar a elaboración do seu programa para as vindeiras eleccións municipais. “No BNG sabemos que as verdadeiras transformacións, as que mudan de verdade a vida das persoas, empúrranse sempre desde abaixo, a pé de rúa”.

Alternativa en positivo

A escolla do Calvario para este primeiro encontro non foi casual e quixo poñer en valor o barrio, cuxa peonalización se desenvolveu desde unha alcaldía nacionalista, como exemplo de potencia transformadora das políticas do BNG. “O Calvario é unha mostra indiscutíbel de que un BNG determinante no Concello de Vigo significa unha cidade mellor”, proclamou o candidato.

Igrexas explicou as principais ideas forza coas que definen a alternativa en positivo do BNG para superar a “inercia paralizante” dos últimos anos e as “políticas frívolas que reducen a nosa cidade a unha especie de parque temático, mentres se insiste no abandono dos nosos barrios e parroquias e na desatencion das necesidades reais da viguesas e dos vigueses”.

A proposta do Bloque pasa por poñer as persoas no centro das políticas municipais para mellorar a calidade das viguesas e dos vigueses, apostando por avanzar cara un Vigo “máis habitábel e verde, igualitario e socialmente xusto, que volva ser pulmón industrial de Galiza, vangarda da creación cultural e que asuma o papel que lle corresponde para sermos o motor de todo un País”.

“Fronte a quen só pode ofrecer máis do mesmo, o BNG tendemos a man a todas as viguesas e vigueses que saben e que senten que a cidade merece máis a trazarmos xuntas un novo horizonte ilusionante para a maior cidade de Galiza, cun proxecto tan sólido como aberto”, remachou Igrexas.

Salir de la versión móvil