Zona verde como solución aos problemas de estacionamento das veciñas e veciños do centro de Vigo. Esa é a solución que propoñe o BNG vigués. A fronte nacionalista vén de reiterar a implantación desta medida, que consistiría en reservar prazas para esta finalidade dentro dos estacionamentos actualmente regulados na XER (zona azul). Esta proposta foi defendida polo concelleiro Pérez Igrexas a través dunha interpelación ao Goberno municipal na última xuntanza da Comisión Informativa de Seguridade.
No concreto, o BNG de Vigo suxire que se habilite a zona verde ou zonas de dobre delimitación azul e verde -con reserva para residentes limitadas a algunhas faixas horaria- nos sectores 1 e 5 da vixente ordenanza municipal e que abranguen as rúas Cánovas del Castillo, Carral, García Olloqui, Luis Taboada, Marqués de Valladares, Praza de Compostela, Reconquista, Velázquez Moreno, Progreso, Paseo de Granada, Pracer, Ronda de Don Bosco, María Auxiliadora, Joaquín Loriga, Ecuador, Venezuela, Finisterre, O Pilar, López de Neira e Taboada Leal.
“A zona verde existe xa en moitos municipios e é un medio eficaz para permitir que en contornas con estacionamento limitado as e os residentes poidan dispoñer dun número de prazas suficiente”, explica o concelleiro Xabier Pérez Igrexas. Esta medida debería acompañarse tamén pola ampliación das zonas de estacionamento regulado e outros ámbitos próximos ao Casco Vello, tanto na súa parte baixa como alta e especialmente nos arredores de Praza do Rei.
Por outra banda, o concelleiro do BNG de Vigo tamén reaccionou perante o anuncio realizado nos últimos días por parte de Abel Caballero a respecto dunha hipotética ampliación até catro horas do período máximo de permanencia dos vehículos estacionados en zona azul. Neste sentido, Xabier Pérez Igrexas lembrou que a existencia do estacionamento regulado non ten un obxectivo económico nin de recadación e expresou as “reticencias profundas” do BNG cara esa medida que comprometería a rotación de vehículos. “A zona azul só pode existir se é para facilitar que mediante a rotación haxa unha maior accesibilidade para o aparcamento en lugares onde hai unha elevada demanda a poucas vagas de aparcamento, sobre todo en horario laboral. Non pode ser un medio de recadación”, subliñou o portavoz da fronte nacionalista en Vigo. “Non podemos permitir que alongalo a catro horas o tempo máximo o Goberno municipal converta as rúas do centro nunha especie de parking privado de pago en superficie”, afirmou.