"Boa sintonía" na primeira xuntanza de traballo entre a UVigo e o novo goberno provincial

Publicidad

O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e o presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, despregaron este mércores "boa sintonía" na que foi a primeira visita oficial do novo responsable do organismo provincial ao campus vigués. A xuntanza de traballo foi cualificada por ambos como “moi necesaria e positiva”, xa que afondou nunha longa relación de colaboración que “axudará a facer de Pontevedra unha provincia moito máis competitiva, un lugar no que as nosas mozas e mozos teñan un gran futuro”, recalcou López.

A reunión, que se levou a cabo no despacho do reitor, contou tamén coa participación da vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Fernández-Tapias, e dos vicerreitores Eva Lantarón, do campus de Pontevedra; Belén Rubio, de Investigación, Transferencia e Innovación, e Alfonso Lago, de Titulacións e Innovación Docente. Tras este encontro, o reitor aproveitou para agradecer non só a visita, senón tamén todo o apoio que a Deputación provincial lle presta á Universidade na organización de distintas actividades, apoio que cualificou como “importantísimo”. Nesta liña, Reigosa recalcou que a Universidade ten como obxectivo ser un axente máis, “moi activo”, que traballa arreo para favorecer o progreso das dúas provincias nas que está implantada. “A partires de agora pómonos a traballar para conseguir un futuro mellor para a provincia, algo no que a Universidade de Vigo non escatimará esforzos e no estou seguro contaremos coa axuda da Deputación”, apuntou o reitor.

Facultade de Enfermaría, medio ambiente, igualdade, deporte…

Pola súa banda, Luis López fixo fincapé en que a provincia de Pontevedra non se entende sen a Universidade de Vigo, “algo que saben os máis de 20.000 alumnos e alumnas dos tres campus e que sabemos tamén na Deputación”. Lembrou, neste senso, que “son moitos os programas e convenios que xa había, que hai e que vai haber no futuro, o que implica que a provincia no seu conxunto vaia a máis.”

López explicou, ademais, que durante a xuntanza houbo oportunidade de tratar asuntos de actualidade e tamén plans de futuro, entre eles a futura Facultade de Enfermaría, así como programas que abranguen diversos ámbitos, incluíndo medio ambiente, deporte e igualdade. “Esa vía de colaboración é a que vai a continuar”, subliñou o responsable da deputación, quen non dubidou en subliñar que a vicepresidenta primeira, Marta Fernández-Tapias, terá “fío directo” coa Universidade.

Tras este encontro de traballo, presidente e vicepresidenta da Deputación tiveron a oportunidade de visitar, acompañados polo reitor e os vicerreitores, as instalacións do CACTI e do CINBIO, onde foron recibidos polos seus directores, Sandra Bolaño e Miguel Correa, respectivamente.

Salir de la versión móvil