Bueu porá o ollo na igualdade no traballo na súa campaña de educación non sexista

Publicidad

O concello de Bueu vén de escollar a que será a imaxe da campaña de Educación Non Sexista para o ano 2020, unha ilustración que saiu do concurso escolar celebrado ao abeiro da programación especial do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres.

Conformado pola pintora local, Marta González Fortes, a investigadora da USV con perspectiva de xénero, Sofía Malvido Cordeiro, a directora e a psicóloga do CIM, Montserrat González e Beatriz Monroy, e a concelleira de igualdade, Ana Isabel Otero, o xurado decidiu elixir o deseño do alumno de 1º da ESO Carlos López Menduiña, como o gañador da imaxe que representará á campaña do 2020. A ilustración amosa o proceso evolutivo no que a muller acabou sempre cargando coas tarefas do fogar namentres que os homes puideron desenvolver a súa vida profesional sen sobrecargas. Na ESO foi tamén elixida a creación de Damián González Fernández, tamén estudante de 1º da ESO do IES Johán Carballeira.

O obxectivo destes certames é sensibilizar ao alumnado sobre a situación laboral das mulleres e a (des)igualdade de oportunidades no traballo. Así, os premiados e premiadas recibirán os agasallos nun acto que terá lugar o 11 de marzo ás 12.00 h no Centro Social do Mar.

Pola súa parte, para primaria, o primeiro premio foi para Sara Curra Cordero, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra. Ademais, acadaron mencións especiais os debuxos de Anxo Rodríguez Juncal, de 6º de primaria do CEIP A Pedra, Inés Lobeira Soage, de 6º de primaria do CEIP A Pedra, Xiana Dios García, de 6º de primaria do CEIP A Torre de Cela, Alba Villar Cerviño, de 1º de ESO do CPR Virxe Milagrosa, e Cristina Davila Otero, de 3º da ESO do CPR Virxe Milagrosa.

No tocante ao II Certame Literario, de entre os 58 presentados, o xurado decidiu outorgar mencións especiais a Laura Pérez González, de 6º de primaria do CEIP Plurilingüe A Pedra pola súa biografía de Ana María Soto Landeira, Raquel Martínez Badea, de 2º da ESO do IES Johán Carballeira, pola poesía titulada “Bolboretas en xardíns de araña”, e Antía Novas Arribas, de 3º da ESO do IES Illa de Ons, pola biografía de Christine Pizán.

Actos programados

Con motivo desta efeméride, o Concello de Bueu organiza unha programación que xa arrancou o pasado venres, coa proxección do filme “A viaxe de Nisha” da man do Cineclub Bueu, e que continúa o xoves co pleno pola igualdade no que o alumnado do IES Illa de Ons, IES Johán Carballeira, CEIP A Pedra e CPR Virxe Milagrosa será protagonista.

O 11 de marzo terá lugar o acto de entrega dos premios dos certames educativos, e xa o 22 de marzo, o salón de plenos acollerá a partir das 19 h a gala de entrega do premio a María López Correa, gañadora do IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares.

Salir de la versión móvil