Esta fin de semana a organización "Cousa de Raíces" visitará Vigo e Cangas dentro da súa xira polas Rías Baixas en busca de apoios á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) na Defensa do Bosque autóctono e contra os Incendios Forestais.
Segundo esta organización “un de cada cinco metros cadrados de solo galego está ocupado por un eucalipto, unha especie pirófita que se espallou até atinxir máis de medio millón de hectáreas –o 17% do territorio galego”. Por iso, estamos diante dunha situación que cómpre reverter porque “as cifras oficiais amosan que a frecuencia coa que ocorren lumes nun eucaliptal é 3,55 veces superior aos lumes en masas de bosque autóctono”.
Pode interesarche: Visitamos Chandebrito un mes despois dos incendios (vídeo)
Deste xeito, "Cousa de Raíces", da que forman parte Adega, Fruga ou a CIG, levarán ao Parlamento de Galicia unha Iniciativa Lexislativa Popular que busca unha nova xestión do medio rural no seu conxunto. Entre outras, a protección da biodiversidade de hábitats e especies; medidas “valentes” para garantir a multifuncionalidade de usos; o fomento do arborado autóctono e mesmo que se elabore un catálogo de frondosas, pendente desde 1992.
As mesas de recollida de sinaturas na nosa contorna estarán situadas, o venres, 2 de febreiro, na Praza da Constitución en Cangas e o sábado, día 3, diante do museo Marco de Vigo. O horario de recollida será ininterrompido desde as 10.00 ás 20.00 horas.