Canto se sabe da biodiversidade? Investigadores da UVigo analizan datos de todas as especies terrestres

Publicidad

Levan arredor dunha década traballando no desenvolvemento dun software que permite o tratamento de gran cantidade de datos de biodiversidade cun simple ordenador de escritorio -ModestR- e, grazas a este software foron quen de completar un estudo no que se analizan os datos de todas as especies terrestres contidas en GBIF, a maior base de datos mundial sobre biodiversidade, na que se inclúen rexistros xeográficos de máis de 400.000 especies animais e vexetais. Falamos dos docentes do Departamento de Informática Emilio García Roselló e Jacinto González Dacosta que, en colaboración con Jorge M. Lobo, do Museo Nacional de Ciencias Naturais, CSIC, asinan un artigo publicado na revista Biological Conservation no que se chama a atención sobre a gran cantidade de áreas da Terra nas que a biodiversidade é practicamente descoñecida -en particular en especies vitais para os ecosistemas como son os insectos- e no que urxen á toma de decisións firmes de conservación.

“Ata o de agora non temos constancia de ningún outro traballo no que se manexasen semellante cantidade de datos”, apunta García Roselló, docente na Facultade de Comercio, ao tempo que explica que “o obxectivo do traballo era ver ata que punto coñecemos a biodiversidade do mundo, o que tecnicamente se denomina ‘avaliar a complexitude de inventarios’, é dicir, estimar canto hai recompilado da biodiversidade en cada rexión”.

“Sabemos moitísimo sobre aves e moi pouco de todo o resto”

Grazas ao emprego de ModestR, foron quen de medir a complexitude de inventario das vinte clases de animais e plantas máis relevantes, incluíndo mamíferos, insectos, plantas vasculares, coníferas, aves, etc. “Contabilizamos ata que punto coñecemos a biodiversidade de cada un destes grupos de especies e os resultados non deixaron lugar a dúbidas: o que mellor coñece a sociedade é a biodiversidade de aves”, salienta Roselló, quen explica que dos 1.800 millóns de ocorrencias -cada un dos datos recollidos para cada unha das 400.000 especies que contén a base de datos- arredor de 1.300 millóns son só de aves”, explica o docente, recalcando así a idea de que “sabemos moitísimo sobre aves e moi pouco de todo o resto”.

A principal razón que xustifica esta situación é a denominada ‘ciencia cidadá’ que fai que moitas persoas afeccionadas colaboren notificando que especies aparecen e onde o fan. “A cuestión é que isto só pasa nun rango de especies moi concreto como por exemplo as aves ou as bolboretas, pero de todo o demais temos pouca información”, explica o autor do estudo.

A información concéntrase nas zonas máis ricas

Outra das conclusións máis destacadas desta investigación refírese a que a información se concentra en zonas moi concretas do mundo, que se corresponden globalmente coas zonas máis ricas: América do norte, Europa, algo de Australia… xa que nestes lugares hai máis medios para investigar, máis institucións, etc. Para o resto do mundo cóntanse con moi poucos datos, “no caso de grupo hiperdiversos coma os insectos coñécense máis dun millón de especies, pero apenas hai datos de 300.000 deles e, o que é máis grave, moitos deses datos redúcense a unha única anotación”.

A modo de curiosidade, García Roselló explica que unha das zonas onde máis se sabe da biodiversidade dos insectos é no norte de Europa, xa que alí se conta cunha tradición de investigación da biodiversidade moi ampla (“non é alleo a isto o feito de que Linneo fose sueco”), dedícanlle medios e, polo tanto, o grado de coñecemento é moi elevado. Pola contra, ao seu xuízo, non é aquí onde se deben dedicar máis medios, senón naqueles lugares dos que aínda non se coñece apenas nada. “No Amazonas, por exemplo, quedan miles de especies por descubrir”.

Unha chamada á toma urxente de decisións

Os autores do estudo fan fincapé neste artigo en que non se pode seguir agardando a tomar decisións de conservación a ter máis información, pois contar con datos cun elevado nivel de completitude podería retrasarse décadas. “Queda moitísima biodiversidade por coñecer, a maior parte do mundo é moi pouco coñecida, polo que convén tomar medidas desde xa”, considera o autor principal. Destacan tamén a necesidade de compartir toda a información da que se dispoña, algo no que xa se foi avanzando moito, e a tomar decisións en base a esa información. “O habitual é empregar a información da que se dispón para facer modelos matemáticos que axuden a predicir o que vai acontecer, pero, como neste caso a información é escasa, haberá que asumir as incertezas deses modelos”, recalca García Roselló.

Software gratuíto desenvolto na UVigo

A realización deste estudo foi posible grazas a unha ferramenta de software que se leva desenvolvendo na Universidade de Vigo durante os últimos dez anos: ModestR, que facilita o tratamento de gran cantidade de datos, algo só abarcable ata hai pouco para computadores de gran potencia. No desenvolvemento desta ferramenta, xa rexistrada como propiedade da Universidade de Vigo, colaboraron activamente catro investigadores da UVigo: Cástor Guisande, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal; Emilio García e Jacinto González, do Departemento de Informática, e un investigador que na actualidade xa non está vinculado á UVigo: Juergen Heine.

É un software específico para o manexo e análise de base de datos de biodiversidade. Permite manexar bases de datos con ata millóns de especies e miles de millóns de ocorrencias, analizar a biodiversidade, xunto con variables ambientais, e crear modelos, como por exemplo estimacións en diferentes escenarios de cambio climático. Foi xa descargado máis de 10.000 veces nos últimos anos, tanto por investigadores e investigadoras de distintos países, e tamén na docencia universitaria.

O profesor García Roselló é o encargado da actualización e constante mellora do software, “un labor ímprobo”, ao que admite ter dedicado infinidade de horas. “ModestR é unha ferramenta gratuíta, posta na web a disposición de todas as persoas interesadas”, explica o seu principal impulsor. “Despois de tantos anos de traballo a miña pequena grande alegría é que se use e que resulte útil”, explica o investigador. Satisfeitos por ter publicado este traballo, agora agardan que “sexa útil”, primeiro para motivar á cidadanía e a comunidade investigadora a compartir os datos, que vexan onde están os lugares dos que non hai información e que traten de privilexiar esas zonas á hora de investigar.

Salir de la versión móvil