Carlos González Lozano é o novo director xeral de Vitrasa. Licenciado en Administración e Dirección da Empresa pola Universidade de Oviedo, conta cunha dilatada traxectoria profesional de máis de 20 anos no sector do transporte. A súa última experiencia foi no Consorcio de Asturias onde estivo ao fronte da institución durante 13 anos como Director Xeral, xestionando e planificando todas as concesións de transporte regular de viaxeiros por carreteira do Principado de Asturias, acadando grandes logros como a transformación da rede concesional e o impulso aos servizos especiais.
González Lozano substitúe no cargo a Luis González, que estivo ao fronte de Vitrasa dende setembro de 2019. Luis González regresa á Dirección da División de Levante de Avanza -Grupo ao que pertence Vitrasa-, posto que xa ocupaba antes de chegar a Vigo.
O novo director xeral de Vitrasa asume esta nova etapa profesional con gran ilusión “seguiremos traballando para ofrecer un servizo de calidade e seguro para todos os vigueses e viguesas, coidando da sustentabilidade e empregando as últimas innovacións tecnolóxicas dispoñibles para facer do transporte urbano de Vigo un referente a nivel nacional no ámbito da mobilidade”.