A Deputación de Pontevedra vén de esixir ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, a que se corrixa "de forma inmediata" a composición do Consello de Administración da sociedade creada para traballar nos proxectos estratéxicos en Galicia ao obxecto de captar fondos europeos de recuperación contra a pandemia, integrado por nove homes e sen que figura unha soa muller. A sociedade está liderada pola Xunta e participada por empresas galegas con capital público-privado que presentaron nas últimas horas un Consello exclusivamente masculino.
Nunha carta remitida a Núñez Feijoo, a presidenta Carmela Silva cualifica de “insólita e incomprensible” a decisión da Xunta, que ten a maior participación na sociedade, así como do resto das empresas que a integran, polo que insta a que se rectifique de inmediato e se proceda á incorporación de mulleres ao Consello de Administración para que sexa paritario. “Unha administración pública que defende a igualdade, alo menos nos discursos públicos, debe ter unha actuación inequívoca, predicar co exemplo e corrixir á máxima urxencia esta disfunción que consideramos inaceptable e lamentamos profundamente”.
A presidenta provincial lembra a Feijoo e ás empresas participantes nesta sociedade que ”resulta inaudito que en pleno século XXI se permitan o luxo de desperdiciar o enorme talento de moitas mulleres galegas moi potentes en campos como a economía, a industria, o medio ambiente, o urbanismo, a mobilidade, a demografía, a transición ecolóxica, a dixitalización ou a enxeñaría, en definitiva en todos os ámbitos de actuación. Por non estar, di Carmela Silva, nin sequera figura unha soa conselleira do seu goberno”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, que revela a “desagradable sorpresa” que supuxo a ausencia de mulleres na presentación pública do Consello, lembra tamén a Feijoo que “os fondos que Europa destina á recuperación teñen como un dos seus grandes obxectivos a igualdade de xénero, polo que a falta de representación do 50% da poboación resulta intolerable e non pode representar de ningunha das formas á sociedade galega”.