Cátedra de Idadismo da UVigo, unha iniciativa pioneira en España nacida con vocación de desaparecer

Publicidad

Lonxe de querer perpetuarse no tempo, a Cátedra de Idadismo da UVigo ve a luz cun obxectivo claro: desaparecer. A directora da cátedra, a docente e investigadora do Departamento de comunicación audiovisual e publicidade da Universidade de Vigo, Ana Belén Fernández Souto, deixou claro este mediodía, no acto de presentación desta iniciativa pioneira en España, que as entidades promotoras do proxecto, UVigo, Afaga ( Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia) e Atendo ( entidade privada de innovación social dedicada a acompañar nos coidados ás persoas maiores e as súas familias a través de diferentes servizos), “pretendemos consolidar a loita contra o idadismo para concienciarnos da súa existencia e conseguir que desapareza como tal, de aí o lema a cátedra: nacida para desaparecer”.

Nun acto celebrado no Marco de Vigo, que estivo amenizado pola humorista Teté Delgado e pola banda Deteriorados, co ex docente da UVigo Xaime Fandiño á cabeza, a Cátedra de Idadismo foi presentada este mediodía en sociedade, arroupada por representantes de institucións como a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo, a CRTVG, Stop Idadismo e a OMS, representada pola responsable da Campaña mundial contra o idadismo deste organismo e coautora principal do primeiro Informe mundial da ONU sobre idadismo, Vânia de la Fuente. Co obxetivo de evitar que a idade se utilice para categorizar e dividir ás persoas polos seus atributos, ocasionando inxustizas, danos e discriminacións, a cátedra “nace para consolidar a loita contra o idadismo desde o ámbito da comunicación, a través da realización de cursos, seminarios e conferencias; organización de actividades académicas; intervencións educativas a todos os niveis; promoción da investigación; xeración de contornas amigables e fomento da relación interxeracional”, enumerou Ana Belén Fernández Souto. A directora da cátedra demandou na súa intervención a colaboración e implicación dos xestores políticos e o poder lexislativo para concienciar e implementar as medidas que permitan desterrar o idadismo, e que "esta cátedra que hoxe nace, pronto careza de sentido e polo tanto, desapareza”.

Pola súa banda, os socios fundadores desta iniciativa, Carlos Rodríguez, presidente de Afaga e Luis Barros, CEO de Atendo, agradeceron a implicación no proxecto de institucións e persoas dispostas e enfrontar o reto. “Debemos traballar polas persoas e non entendendo a idade como un elemento limitante”, dixo Carlos Rodríguez, que tamén incidiu na importancia de cambiar a lexislación e renovar o pacto interxeracional. Luis Barros destacou o traballo desenvolvido por Xaime Fandiño para poñer a cátedra en marcha e avogou por traballar “cada un desde o seu espazo para crear un mundo para todas as idades”.

Caras e estratexias para combater o idadismo

A responsable da Campaña mundial contra o idadismo da OMS e coautora principal do primeiro Informe mundial da ONU sobre idadismo, Vânia de la Fuente, foi a encargada de pechar o acto, que comezou cun monólogo da humorista Teté Delgado no que reivindicou tanto a súa idade como a súa condición de muller no ámbito artístico. A delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e a concelleira da Área de política de benestar social do Concello de Vigo, Yolanda Aguiar, foron as primeiras en tomar a palabra para reivindicar as políticas de cadansúa institución está a desenvolver para mellorar a calidade de vida das persoas maiores e loitar contra o idadismo. “Sobran as razóns para erradicar o idadismo” asegurou Fernández-Tapias, que lamentou que este tipo de discriminación estea, mesmo, por riba doutras. Pola súa banda, Yolanda Aguiar afirmou que “o idadismo é un problema de saúde pública e empobrece”, polo que avogou porque os maiores estean no centro das políticas de coidados, que cómpre mudar, dixo. Mentres, o director de Proxección social da CRTVG, Xaime Arias e os responsables de HelpAge Spain, Belén Martínez e de Stop Idadismo Portugal, José Carrera, apuntaron a importancia da colaboración institucional para desenvolver as accións que se promoverán desde a cátedra

Na súa presentación titulada Un mundo para todas las edades, Vânia de la Fuente comezou por destacar as tres dimensións do idadismo: estereotipos, prexuízos e discriminación, así como os motivos polos que este fenómeno debería preocupar a toda a poboación, entre os que destacou “que nos afecta a todos, a todas as idades e está en todas partes”, dixo. De la Fuente aludiu na súa intervención á existencia de diferentes tipos ou manifestacións do idadismo, como son a institucional, a mediática ou a interpersoal. Política e lexislación, actividades educativas e intervencións interxeracionais, son segundo Vânia de la Fuente as tres estratexias que cómpre desenvolver para combater o idadismo, que segundo a responsable da Campaña mundial contra o idadismo da OMS, “nos afecta a todos, pero podemos eliminalo. Queremos crear un mundo para todas as idades”, sinalou.

Salir de la versión móvil