De cara a evitar aglomeracións o día 1 de novembro, festividade de Todos os Santos, e dada a actual situación de emerxencia sanitaria, o Goberno local de Redondela recomenda á veciñanza adiantar a compra de flores e o arranxo das tumbas nos cemiterios, “como medida para evitar aglomeracións de última hora e cumprir coas ordes das autoridades sanitarias ao respecto”.
Asemade, o Concello que preside Digna Rivas, anunciou a adopción de medidas estritas de control nos cemiterios de titularidade municipal –Eidos e Mañó– cuxo cumprimento será vixiado por Protección Civil e Policía Local.
Así, estableceranse itinerarios de entrada e saída nos camposantos municipais e limitarase o aforo polo que o Concello, de cara a cumprir este límite de ocupación, “aconsella ás familias que as visitas non excedan os 30 minutos”, sinala o concelleiro responsable de Cemiterios, Vicente Lamas, ademais de cumprir as medidas de protección como o uso obrigatorio de máscara en todo momento, mantemento da distancia de seguridade e a prohibición de fumar sen descartar “que nos momentos de máxima afluencia, e se así o aconsella a situación, establézanse sentidos de marcha dentro dos propios cemiterios para evitar cruzamentos de persoas”.
As medidas de protección, sinala a alcaldesa Digna Rivas, deben aplicarse á hora de acudir as florerías para mercar as flores, polo que é importante “que adianten a súa compra para evitar as aglomeracións de persoas, prohibidas polas recomendacións sanitarias da Xunta de Galicia”.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, fixo tamén un chamamento á responsabilidade da veciñanza que, lembrou, “durante o confinamento tivo un comportamento exemplar que segue mantendo nesta época complicada”.
En todo caso, engadiu a rexedora local, as medidas que adopte o Concello nos cemiterios da súa competencia, “dependerán das directrices que marque nas próximas horas a Consellería de Sanidade e da evolución da pandemia na comunidade autónoma”.
Digna Rivas rematou asegurando que “veciñas e veciños poderemos seguir honrando aos nosos defuntos pero seguindo, en todo momento, as normas de seguridade sanitaria que impón esta situación excepcional”.