CINBIO, CIM e atlanTTic, da UVigo, referentes da excelencia científica recoñecidos pola Xunta

Os centros de investigación da Universidade de Vigo (UVigo) integrados na Rede CIGUS—atlanTTic, CIM e CINBIO—recibiron este martes o recoñecemento da Xunta de Galicia como referentes da excelencia científica. No acto Alfonso Rueda destacou que "un país sen ciencia é un país sen futuro”. A rede, que inclúe tamén cinco centros da USC e dous da UDC, reúne 1.600 investigadores.

O goberno galego subliñou que destinou xa preto de 68 millóns de euros á Rede CIGUS, que nos últimos catro anos captou máis de 180 millóns en proxectos competitivos. Nesta nova convocatoria, na que oito centros renovan a súa acreditación e dous se incorporan, o financiamento autonómico increméntase nun 31%. Rueda destacou que a iniciativa, "única en España", fomenta a excelencia, a colaboración e o impacto real na sociedade.

No acto celebrado no Museo Centro Gaiás tamén foron recoñecidos o centro colaborativo Cintecx da UVigo e o interuniversitario Ecobas. O presidente da Xunta reafirmou o compromiso coa transferencia de coñecemento e a conexión entre ciencia e tecido produtivo, subliñando a importancia de reter talento en Galicia.

Ademais, lembrou a aprobación a semana pasada no Consello da Xunta do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027, que conta cun orzamento total de 1310 millóns de euros e que inclúe a creación dunha fundación para atraer talento internacional. Este plan súmase a iniciativas como Oportunius e o programa de apoio á carreira científica, que actualmente conta con 61 millóns en axudas. A Rede CIGUS está formada por centros da UVigo, USC e UDC, acreditados pola súa calidade e impacto na investigación en Galicia.

Salir de la versión móvil