As moañesas e moañeses amosaron esta fin de semana que a cultura é un dos motores do progreso. Porén, máis de 4.000 persoas de tódalas idades tomaron o pasado sábado ás rúas para exixir a construción dun auditorio, unha das grandes demandas da localidade morracense dende varias décadas.
A protesta, convocada pola Plataforma Proauditorio, mobilizou a personalidades culturais como Adrián Ríos, Iria Collazo, Xil Ríos ou María Salgueiros, que foron algúns dos artistas que encabezaron a marcha cunha pancarta que pedía que “Cambiemos a escena” e que partiu dende as 18:00 horas de O Con.
Versións de temas como o “Bella Ciao”, que se popularizou nos últimos meses coa serie “La casa de papel”, e as comparsas do Entroido moañés deron colorido a esta protesta na que tamén participaron diferentes asociacións culturais que consideran chave a realización dun auditorio que, como denuncian, teñen outros concellos máis pequenos e cunha menor programación e demanda cultural que Moaña.
As máis de 4.000 persoas que secundaron esta primeira Marcha Proauditorio de Moaña sinalan que a infraestrutura cultural será fundamental para o progreso da localidad morracense. A manifestación, na que tamén estivo presente a alcaldesa Leticia Santos así como concelleiros tanto do BNG coma do PP, finalizou nos xardíns do Concello. Os socialistas, que tamén apoian a necesidade da dotación cultural, non secundaron a marcha ao considerar que o goberno municipal -do que forman parte xunto a BNG- debe "rematar a urbanización dos terreos" previstos para a construcción do auditorio antes de "esixir compromisos orzamentarios a outras administracións".
María Magariños, a presidenta da plataforma, destacou que será a xente, “coa presión social” a que consiga o desexado auditorio”. “Moaña amosou que ten o contido, pero fáltalle o continente”, apuntou. O pobo falou. Moaña quere un auditorio. E o demostrou cunha manifestación histórica para saldar unha débeda histórica.
A mobilización rematou coa celebración dun concerto no que participaron os músicos René, Sley, Viva, Zalo Carballo, Wach e Lino.