Cun orzamento de dez millóns de euros, a ansiada construción do edificio da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo da Universidade de Vigo xa está en marcha. Este venres presentouse o seu proxecto cunha visita de autoridades ao campus de Ourense na que se destacou que, nun contexto de crecemento do sector aeronáutico, a posta en marcha deste edificio é “unha aposta de futuro”.
A presentación do proxecto fíxose no Campus Auga (fronte a parcela na que se construirá) e onde actualmente hai laboratorios da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo que foron visitados polas autoridades durante o acto. Entre as persoas asistentes estiveron Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; Manuel Reigosa, reitor da Universidade de Vigo; Román Rodríguez, conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional; Francisco Javier Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, e unha ampla representación do equipo de goberno da UVigo; Nieves Lorenzo, directora da Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo; Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, e Aníbal Pereira, tenente alcalde do Concello de Ourense.
Un escola para un alumnado excelente e un sector en auxe
Na súa intervención, Alfonso Rueda salientou que coa construción desta escola e o proxecto de especialización Campus Auga, dáselle “moito peso, moita potencia e sobre todo moito futuro á presencia da Universidade e da vida universitaria” nunha cidade como Ourense. O novo edificio, sinalou, supón “un paso importante de consolidación” e un paso “necesario”, apuntando que unha titulación técnica como Aeroespacial precisa un edificio adaptado ao que nela se fai. O presidente da Xunta indicou que no sector aeroespacial estanse abrindo “enormes oportunidades”, como no caso galego a través do Polo Aeroespacial de Galicia, e salientou que neste contexto a escola da UVigo está “atraendo moitísimo talento de fóra”. O responsable do goberno galego afirmou que “as cousas potentes teñen que ter sedes axeitadas” e este será “un edificio á altura da xente que estuda aquí e que dá clases aquí”.
Pola súa banda, Manuel Reigosa, subliñou que “para toda a Universidade de Vigo, para todo o campus de Ourense, hoxe é un día de ledicia, porque damos comezo a estas obras longo tempo anheladas” e agradeceu á Xunta de Galicia o seu apoio. O responsable académico destacou que “o campus está facendo cidade, facendo país” e esta construción “vai a facer un campus de Ourense mellor, unha universidade mellor e permitirá que poidamos servir moitísimo mellor á sociedade galega”. O reitor amosou o orgullo da institución académica polo alumnado de excelencia que cada curso académico se matricula nesta Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo e pola formación que nela adquiren. “Estamos moi orgullos do traballo que está facendo a escola. Esta é unha titulación que sen ningunha dúbida está atraendo talento para Galicia, para Ourense”, afirmou. O novo centro, engadiu, permitirá acabar co reparto das tarefas investigadoras e docentes en diferentes edificios do campus de Ourense que hai actualmente.
A Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo construirase na parcela edificable situada na entrada do coñecido como campus sur do campus de Ourense, ao carón da Escola Infantil Concepción Saiz Otero. O deseño do edificio corresponde a Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, de García Rodríguez Alcoba Oficina de Arquitectura, de Madrid, e a construción recae na empresa ourensá Obras y Servicios Gómez Crespo SL. O contrato da obra ascende a 10.043.000,01 euros, incluíndo impostos, sendo o valor estimado do contrato e o importe sen impostos de 9.130.000,01 euros. O financiamento deste contrato corresponde nun 40% á Universidade de Vigo e nun 60% á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia e faise ao abeiro dos convenios de colaboración asinados entre as dúas institucións para o financiamento de actuacións destinadas ao desenvolvemento do Plan de Infraestruturas Universitarias. A obra ten un prazo de execución de 20 meses, estando previsto que o edificio estea finalizado en febreiro ou marzo de 2027.
Un edificio, tres pezas e usos diversos
As obras agora iniciadas converterán en realidade o deseño gañador do certame de ideas para a construción deste edificio feito pola UVigo. O concurso foi gañado por Javier e Carlos Rodríguez Alcoba, coa proposta bautizada como O Camaleón. Tras gañar o concurso, a este estudo correspondeulle a redacción do proxecto básico, do proxecto de execución e da dirección da obra. A presentación do proxecto arquitectónico do novo edificio foi realizada este venres por Javier Rodríguez Alcoba. O proxecto, indicou, parte de tres premisas importantes: manter o carácter verde da zona campus onde se ubica e ter en conta que pechará unha gran mazá de edificios universitarios e que está situado nun dos puntos máis importantes de entrada á cidade de Ourense.
O deseño do edificio articúlase en tres pezas: unha sobre rasante, outra semisoterrada e unha “xunta” entre os dous primeiros, cunha forma e posición que vén marcada pola propia topografía do terreo no que se ubicará. Na proposta teñen un gran protagonismo os espazos verdes, tanto no interior como no exterior, e nela as solucións construtivas buscan ser o máis eficientes e sostibles posibles; que a maioría dos elementos empregados se poidan reutilizar, recuperar e reciclar e utilizar materiais de Km0, destacando os elementos de madeira laminada. A idea é que o futuro edificio recolla estratexias de deseño, construción e mantemento encamiñadas a optimizar o rendemento enerxético, a eficiencia no uso da auga, a redución das emisión de CO2 e o incremento da calidade do ambiente interior.
Cuns 6364,88 metros cadrados construídos, o edificio contará con dez laboratorios docentes destinados ao ensino e oito laboratorios de investigación destinados a facilitar recursos ás liñas de investigación que requiran de laboratorios especiais onde poder dispor de maquinaria para investigacións aplicadas no ámbito aeroespacial. Haberá catro aulas para 50 persoas; dúas aulas para 70 persoas e outras dúas para 100 persoas, 35 despachos e unha zona de dirección. Ademais, contempla seis seminarios e unha nave taller de aproximadamente 200 metros cadrados destinada a facilitar recursos ás liñas de investigación que requiran de laboratorios especiais e bancos de proba onde poder dispor de maquinaria pesada, ruidosa ou que necesite grandes superficies. Tamén se contempla que o edificio conte cun espazo de reserva para posibles futuras necesidades da titulación ou do campus.
Desde a súa posta en marcha no curso 2016/2017, a Escola de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, que conta cunha das notas de acceso máis altas de Galicia cada curso académico, aspirou a contar cun edificio propio que albergase a súa actividade docente de grao e mestrado e a súa actividade investigadora. A apertura desta nova edificación agárdase que permita liberar espazos que noutros edificios do campus de Ourense se dedican a estas tarefas e levar a cabo un reordenamento de usos, nun campus que cada curso académico está medrando en alumnado e titulacións e que polo tanto ve como medran as súas necesidades de espazo.