Cristina Fernández Davila, elixida nova alcaldesa de Ponteareas

Publicidad

Cristina Fernández Davila (BNG) é, dende este venres, a nova alcaldesa de Ponteareas, tras obter a maioría absoluta dos votos da Corporación ao sumar 9 do BNG e 3 do PSOE. “Non existe unha honra maior que representar a todas as veciñas e veciños da nosa vila como alcaldesa de Ponteareas”, manifestou con emoción tras a súa proclamación.

Fernández Davila viña asumindo a alcaldía en funcións dende o pasado mes de decembro, suplindo a Xosé Represas. A alcaldesa nacionalista tivo palabras de agradecemento para el, asegurando que “é un orgullo para min poder recoller o testemuño que me transmite Xosé Represas, que sigue a ser o meu alcalde”.  O xa excalde anunciou o pasado 29 de abril que abandonaba a política e a Alcaldía de Ponteareas tras meses loitando contra unha longa enfermidade, que se intensificou na última parte do ano pasado.

“Deixa un gran legado co que traballar en equipo co obxectivo de poñer a Ponteareas no lugar que lle corresponde: unha cidade moderna, amable, creativa, dinámica...” sinalou Davila, incidindo que o de Represas é “un legado cheo de proxectos, uns xa realizados, outros que se están a desenvolver e numerosas ideas, grandes coma el. Desenvolver e levar a termo ese deseño de cidade será o meu obxectivo nestes vindeiros anos”.

A alcaldesa de Ponteareas concluíu as lembranzas cun agradecemento para o seu antecesor. “Foi para min un privilexio traballar man a man baixo a dirección de Pepe Represas; deséxolle todo o mellor e agradezo a súa xenerosidade e confianza depositada en min durante estes mandatos”, destacou. A situación sanitaria e económica derivada da pandemia da COVID-19 tamén estiveron presentes no discurso de Cristina Fernández Davila, que se comprometeu a “seguir políticas que teñan como obxectivo transversal reactivar a actividade económica e o emprego, recuperando a ilusión das e dos ponteareáns”.

Cristina Fernández Davila é Técnica Especialista en Informática de Xestión. Dende 1993 é funcionaria do IES Val do Tea. Ten asumido diversas responsabilidades nas asociacións de nais e pais do alumnado e foi presidenta da Federación de Anpas FANPO. Dende 2012 é concelleira do BNG, asumindo no 2015 a segunda tenencia de alcaldía e a concellaría de Ensino, Participación Cidadá e Réxime Interior. Dende as eleccións de maio de 2019, Fernández Davila asumiu a tenencia de alcaldía, así como as concellarías de Ensino, Eventos, Saúde e Consumo.

No pleno celebrado no serán deste venres, tamén tomaron posesión como edís do BNG Lola Covelo e Pancho Alonso, que regresa á Corporación da que xa formara parte entre o 2015 e o 2019 como concelleiro de Facenda.

Salir de la versión móvil