David Posada lidera a lista dos 43 investigadores da UVigo máis citados do mundo

Publicidad

A edición 2024 do Ranking of the World Scientists: World’s Top 2% Scientist sitúa 43 investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo entre os máis citados do mundo. Segundo esta clasificación, elaborada pola Universidade de Stanford e Elsevier, son dez máis dos que aparecían na listaxe do pasado. O catedrático de Xenética David Posada, pertencente ao Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina, CINBIO, é o primeiro clasificado da UVigo, no posto 727 da listaxe global e no posto 11 entre os mellores do mundo dentro da súa área de coñecemento.

A base de datos da Universidade de Stanford analiza as publicacións de científicos “de primeiro nivel”, é dicir, persoal investigador que se atopa entre o 2% superior da base de datos Scopus, proporcionando de cada unha e un deles información estandarizada sobre citas, índice H, índice HM axustado por coautoría, citas de artigos en diferentes posicións de autoría e un indicador composto, entre outros aspectos, proporcionando métricas con e sen autocitas. Ademais, o ránking ofrece tanto unha perspectiva global do impacto das citas ao longo da carreira de cada investigador e investigadora como unha clasificación atendendo aos datos do último ano, o 2023. A primeira lista, coa traxectoria completa, contén 217.097 investigadores, mentres que a segunda, a relativa ás citas no 2023, inclúe 223.152 científicos e científicas. O ranking tamén inclúe unha clasificación das e dos investigadores atendendo aos eidos de coñecemento, un total 22 campos científicos e 174 subcampos, segundo a clasificación estándar de Science-Metrix.

David Posada, á cabeza dos máis citados da UVigo

Con 74.016 (citas excluíndo as autocitas) e 180 papers publicados dende 1998, o catedrático David Posada encabeza, un ano máis, a lista de científicos e científicas da Universidade de Vigo na listaxe que pondera a carreira completa. En concreto, ocupa o posto 727 cun índice H de 54 excluíndo as autocitas e de 58 tendo en conta todas as citas. Tras el, aparece Jianbo Xiao, do grupo de Investigacións Agrarias e Alimentarias e membro do Agroecolox, no posto 13.899 con 19.589 citas e 608 artigos publicados dende 2004. O terceiro posto volve ser tamén para Ramón Hermida, do grupo de investigación Bioenxeñería e Cronobioloxía e membro do centro atlanTTic, que aparece no posto 44.752 con 8037 citas e 363 artigos publicados dende 1982.

Completan os primeiros postos da clasificación os catedráticos Jesús Simal-Gándara, do Química analítica e alimentaria e membro do centro de investigación Cispac, que ocupa o posto 44.996 e Armando Caballero, do Departamento de Bioquímica, xenética e inmunoloxía e membro do CIM, que aparece no 51.408.

A clasificación mundial está liderada por Michael Graetzel, da École Polytechnique Fédérale de Lausanne, seguido por Zhong Lin Wang, da Chinese Academy of Sciences e por Walter C. Willett, da Harvard T.H. Chan School of Public Health.

Jianbo Xiao o máis citado en 2023

Este ránking inclúe tamén unha listaxe atendendo ás e aos máis científicos máis citados no ano 2023, que no caso da UVigo encabeza o investigador do Departamento de Química analítica e alimentaria e do instituto Agroecolox Jianbo Xiao, no posto 1289 do mundo , seguido polo catedrático David Posada, no posto 1643 e polo catedrático do Departamento de Didácticas especiais Carlos Lago-Peñas, no 12.693. Por detrás deles aparecen no ránking o catedrático do Departamento de Química analítica e alimentaria Jesús Simal-Gándara, no posto 14.183 e a catedrática de Enxeñaría química e investigadora do CINBIO Hermina Domínguez, no 21.155 do mundo. En total, hai 50 investigadores e investigadores nunha listaxe mundial que que está encabezada por Zhong Lin Wang, da Chinese Academy of Sciences, seguido por Georg Kresse, da Universität Wien e por Seyedali Mirjalili, da Torrens University Australia.

Por ámbitos, David Posada no posto 11 do mundo

Atendendo á clasificación por ámbitos de coñecemento, o mellor clasificado da Universidade de Vigo volve ser, un ano máis, o catedrático David Posada, que ocupa o posto 11 no eido da Bioloxía Evolutiva a nivel mundial, atendendo a toda a súa traxectoria profesional e excluíndo as autocitas. Con estas mesmas características, ocupa tamén un posto destacado Jianbo Xiao, no lugar 53 no eido das Ciencias Alimentarias, mellorado substancialmente a súa posición do ano pasado, cando ocupaba o lugar 65 do mundo. Despois da barreira dos 100 aparecen na listaxe Juan Carlos Parajó, catedrático do Departamento de Enxeñaría Química e investigador do CINBIO, no posto 150 en Biotecnoloxía; Carlos Lago-Peñas, no 157 en Ciencias do Deporte (183 na edición pasada) e Jesús Simal-Gándara, no 194 en Ciencias Alimentarias (234 na edición anterior).

Entre os 300 primeiros en cadansúa área aparecen tamén o catedrático do Departamento de Ecoloxía e bioloxía animal e investigador do CIM, Jorge Domínguez, no 255 en Agronomía e Agricultura; e o catedrático do mesmo departamento Adolfo Cordero-Rivera, 285 do mundo en Entomoloxía. Entre os mellores 500 dos diferentes eidos tamén están Herminia Domínguez, investigadora do CINBIO e catedrática do Departamento de Enxeñaría Química, que ocupa o posto 304 no ámbito das Ciencias Alimentarias; o catedrático do Departamento de Enxeñaría Química José Manuel Domínguez no 332 en Biotecnoloxía; o catedrático Armando Caballero no 477 en Bioloxía Evolutiva e o catedrático de Ecoloxía e Bioloxía Animal e investigador do CIM Emilio Marañón no 487 no campo da Bioloxía mariña e a Hidrobioloxía.

Atendendo á clasificación por eidos, pero tendo en conta solo as citas do ano 2023, o científico da UVigo mellor posicionado é Jiambo Xiado, que ocupa o posto 10 no eido das Ciencias Alimentarias, xunto con David Posada, que tamén ocupa o mesmo posto, pero no eido da Bioloxía Evolutiva. O terceiro clasificado é Carlos Lago-Peñas, no posto 41 en Ciencias do Deporte, excluíndo en todos os casos as autocitas.

Salir de la versión móvil