De Siria, Colombia e Perú ás aulas da Universidade de Vigo, cinco historias de superación

Cinco estudantes procedentes de Siria, Venezuela, Colombia e Perú cursaron este curso os seus estudos na Universidade de Vigo grazas ás bolsas de protección internacional que cada ano convoca a institución, unha iniciativa dirixida a persoas beneficiarias ou solicitantes de protección internacional, apátridas ou en situación de protección temporal afectado polo conflito de Ucraína.

Dotadas cunha contía máxima de 3000 euros por persoa beneficiaria, trátase de facilitarlles o acceso e a continuidade da formación universitaria a persoas que se viron obrigadas a abandonar os seus países de orixe, favorecendo a súa integración académica e social a través da educación superior. Esta semana publicouse unha nova convocatoria, a do curso 2026/2027, e, aproveitando esta circunstancia, coñecemos máis de preto, algunha das persoas que se beneficiaron destas axudas no curso que agora remata.

Os cinco estudantes internacionais que recibiron este ano as axudas desenvolven a súa formación en diferentes niveis e ámbitos de coñecemento: un estudante sirio no Grao en Intelixencia Artificial; dous estudantes venezolanos no Grao en Enxeñaría Química Industrial e no Grao en Dereito; unha estudante colombiana no Máster en Exercicio Terapéutico, e un estudante peruano no Programa de Doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado.

“Sen esta axuda non sería posible continuar avanzando”

Entre o alumnado beneficiario atópase Diana María Salamanca Jaramillo, de 45 anos e procedente de Colombia, que cursa o Máster en Exercicio Terapéutico na Facultade de Fisioterapia, no campus de Pontevedra. Fisioterapeuta de formación, conta con especialización en rehabilitación cardíaca e pulmonar realizada no seu país de orixe. Diana reside en Galicia desde hai preto de dous anos, pasando por O Porriño, Cerquido e actualmente Vigo. Coñeceu estas bolsas a través de internet e non dubidou en facer a súa solicitude, escollendo o mestrado que mellor se adaptaba ao seu perfil profesional.

A súa experiencia na UVigo está a resultar, segundo sinala, “moi enriquecedora e positiva”, tanto a nivel académico como profesional. Destaca, ademais, que a formación lle permite actualizar coñecementos e coñecer o enfoque da súa disciplina en España.

Para esta estudante, a bolsa supón unha oportunidade determinante. Nai solteira, chegou a España co seu fillo de 12 anos con autismo, do que se ocupa en solitario. “Sen esta axuda non sería posible seguir avanzando na miña vida profesional”, explica, á vez que manifesta o seu obxectivo de completar o máster e optar no futuro a unha bolsa de doutoramento para orientar a súa carreira cara á docencia universitaria.

“A bolsa deume estabilidade e confianza para seguir os meus estudos”

Tamén forma parte deste programa Ahmad -prefire non facer público o seu apelido nin a súa imaxe-. De 25 anos e procedente de Douma en Siria, Ahmad é un dos estudantes da primeira promoción do Grao en Intelixencia Artificial no campus de Ourense.

Antes da súa chegada a España, cursou Enxeñaría Informática e de Comunicación na Arab International University de Siria, onde foi o primeiro da súa promoción e obtivo unha bolsa que lle permitiu realizar unha estadía Erasmus na Universidade de Santiago de Compostela. Ahmad vive en Galicia desde hai algo máis de dous anos, tras pasar por Santiago de Compostela durante o seu Erasmus e continuar, posteriormente, os seus estudos na UVigo. Explica que decidiu solicitar o recoñecemento da súa formación previa para poder continuar estudando en España, incorporándose directamente a terceiro curso do grao.

A adaptación ao sistema académico e ao idioma foron para el os principais retos da súa chegada a Galicia. Aínda que destaca que o contido académico non foi especialmente complexo polo seu nivel previo de formación, o feito de non coñecer o idioma e as diferenzas nos xeitos de ensinar si que lle resultou máis complicado.

A bolsa significa moito para min. Sen este apoio non podería seguir os meus estudos nin asumir os gastos básicos. Dáme estabilidade e confianza para seguir adiante sen interrupcións”, explica. Engade ademais que se sinte “acollido e valorado” na comunidade universitaria e que percibe este apoio como un investimento no seu futuro académico e profesional.

Solicitudes ata o 30 de xullo

As persoas interesadas en solicitar unha destas bolsas poderán facelo ata o vindeiro 30 de xullo ás 23:59 horas. Na convocatoria poden consultar os requisitos, a documentación necesaria, posibles incompatibilidade, dotación e modo de presentación das solicitudes. Poden beneficiarse tanto estudantes de titulacións oficiais (grao, máster ou doutoramento) como dos títulos propios da Universidade de Vigo.

Salir de la versión móvil